facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Revista 20 Anos
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

"O alzhéimer debe ser tratado como unha enfermidade da familia e unha enfermidade da sociedade"





Neste ano 2018 celebramos que a Federación Alzhéimer Galicia cumpre 20 anos, co lema “20 Anos: facendo camiños, facendo memoria”.

Unha traxectoria de traballo a favor das persoas que padecen alzhéimer e outras demencias, das súas familias, da súa contorna, da sociedade no seu conxunto.

Dende a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde queremos felicitar e, sobre todo, agradecer á Federación e a todos os seus membros este traballo.

O incremento na nosa esperanza de vida e o progresivo envellecemento da poboación nos países occidentais, na nosa comunidade autónoma, conleva que as enfermedades crónicas, e entre elas, a enfermidade de Alzheimer e outras demencias, representen un gran reto para os sistemas de saúde.

O impacto desta enfermidade prodúcese sobre o paciente, e tamén ten unha gran repercusión sobre o seu entorno social e familiar. Nese sentido o alzhéimer debe ser tratado como unha enfermidade da familia e unha enfermidade da sociedade.

Por iso, desde a Consellería de Sanidade mantemos unha colaboración permanente co movemento asociativo, tanto para desenvolver labores de información, orientación e atención interdisciplinar dos pacientes e a familias, como para cooperar na formación continuada dos profesionais e colaboradores das asociación, así como nas actividades de sensibilización social.

Unha colaboración establecida dende o seu nacemento, pois xa en xullo de 1998 FAGAL participa na Comisión Asesora en Psicoxeriatría da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

A finais do ano 2009 nace a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, e, co obxectivo de mellorar a calidade de vida no entorno dos pacientes, organiza dende o seu inicio diversos talleres e foros online con expertos para orientar e formar a pacientes, familiares e cidadáns.

No ano 2011 a Consellería de Sanidade, no seo do Consello Asesor de Pacientes, do que forma parte a Federación Galega de Alzhéimer, propuxo celebrar o Ano Galego do Alzheimer, para axudar a formar e informar aos pacientes e coidadores así como sensibilizar á poboación sobre esta enfermidade.

Celebrouse no ano 2012, e con este motivo, programáronse diversas actividades e iniciativas como incluir aos pacientes con alzhéimer na tarxeta AA, “Acompañamento e Accesibilidade”, que implica prioridade no acceso aos servizos sanitarios e permite que os pacientes estean acompañados por un familiar durante os procesos de atención sanitaria.

Ao longo dos últimos anos continuamos coa colaboración establecida, coa realización de actividades formativas, informativas, de divulgación e sensibilización, cunha contribución económica a través dun convenio de colaboración para o desenvolvemento destas actividades.

Dende a Consellería de Sanidade recoñecemos o grande esforzo dos familiares dos enfermos e dos profesionais que colaboran con FAGAL, da que nos sentimos moi próximos e coa que continuaremos traballando.

Reiterar a nosa felicitación polo 20 aniversario, e desexar que poidamos seguir facendo camiño, e memoria, xuntos.


Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar