facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

Como é unha xornada nun Centro de Día? A historia de Lola (Parte I)

Bo día! Chámome Lola e son de San Juan de Tirán, a mellor parroquia de todo Moaña e, se me apuras, de Galicia enteira. Pois ben, dinme que queredes que vos explique a que veño aquí e que é o que fago neste Centro. O máis rápido é dicir que vimos a traballar ca cabeza e facer un pouco de ximnasia, que para estar na casa sobra tempo, pero dinme Concha e Nieves que me teño que explicar mellor.

Oh! Non coñecedes a Concha e a Nieves? Pois Concha é a condutora. Mira que conduce ben esta condenada! Mete a furgoneta por calquera sitio, e mira que á miña casa en coche non chega nin o panadeiro! Pois a min recóllenme na mesma portiña! Nieves é a moza que nos axuda a subir e a baixar, ponnos o cinto e está pendente de nós durante o traxecto. Ás veces ata nos recorda a que día estamos para que cando cheguemos ó Centro e nolo pregunten poder atinar.



Pois imos por partes. Unha vez que chegamos o Centro sempre nos reciben as “nenas”. As nenas son as rapazas que traballan no Centro e son moitísimas! Tantas que ás veces non me lembro do nome de todas, pero hoxe como teño que contarvos todo isto teño a Martina, a xefa, que me vai dicindo os nomes de todas. Así que, imos alá!

Nada máis chegar, cada un vai para a sala que lle toca. Eu, gracias a dios, vou para a sala dos que estamos melloriño. A pobre de Teresa, que está mala da cabeza, fíxate que xa non sabe nin quen son os fillos, vai para outra, e o pobre de Antonio, que nin tan sequera fala, vai para onde están os mais maliños.

Cando chego á miña sala xa está Marian agardando por min. Poñémonos ó día das novas e comentamos como vai o mundo. Despois de comentar o inverno raro que levamos sen gota de chuvia chega Olga. A Olga sempre lle gusta que lle axude, dende botarlle a comida a Xosé e Ramón, os noso peixiños (si, puxémoslles Xosé e Ramón por Gayoso....), a servir o café con leite que tomamos a media mañá ou lavar a louza. A min encántame botarlle unha manciña, mentres ela me fala dos seus nenos eu lémbrolle como era a vida antes, cando eu tiña as fillas pequenas e o marido no mar.

Entón chega Mónica, a encargada da ximnasia. Todos os días facemos un pouco de ximnasia, unha horiña para darlle movemento ós ósos, que boa falla lle fan. Mónica fainos bogar, coller auga dun pozo, enroscar a lá e ata nadar! Eu que na vida me metín máis aló dos xeonllos no mar por medo… En canto acaba a ximnasia ven Ana, que non sei como o fai, pero a condenada sempre sabe cando teño ganas de ir ó servicio. Sempre me acompaña ó baño e supervisa que me vista ben cando remato.

Cando chego á sala despois do baño xa están Andrea, Rebeca e a outra Ana preparando unha nova actividade. Cada día facemos unha cousa diferente! Ás veces facemos empanadas, outras traballamos máis ca cabeza, escribimos ou facemos contas. Cando o tempo acompaña, imos ata o mercado e a praza de abastos con Noelia e outras veces facemos manualidades con Rober. Agora estamos a preparar unha sorpresa para a festa do Entroido!

E case sen darnos conta xa chega Fani, a encargada dos medicamentos, a que está pendente de que non se nos esqueza de tomar as pastillas. É moi sentidiña, cando teño que tomar algo que me sabe a raios sempre me ten preparado un vasiño de zume para quitar o mal sabor. Mentres eu tomo as pastillas xa as miñas compañeiras van poñendo a mesa e preparando os mandís para a hora da comida.

E xa comeza o arrecendo! Chega o primeiro prato. Se hai sopa, Beli sempre me enche ben o prato porque sabe que me encanta. Beli é a encargada de prepararnos os pratos, por exemplo, se hai carne ela xa ma trae cortadiña, porque a min cústame bastante cortala. E de cando en cando, ponnos flan de sobremesa.



Despois de comer chega Susi, acompáñanos ó baño e axúdanos a lavar os dentes. Unha vez que terminamos no baño imos para a sala da televisión. Déixannos sempre un pouquiño de tranquilidade para descansar a comida, quen quere botar a sesta, pode, pero a min o que máis me gusta é mirar a televisión. Ás veces miramos a Marisol, outras a Paco Martínez Soria, pero a min o que máis me gusta é mirar as “vaqueradas”! Cando vivía o meu Manolo, non nos perdíamos ningunha de John Wayne.

O único malo é que nunca miramos a película completa. As nenas din que non podemos estar tanto tempo paradas. A verdade é que enseguidiña nos amouchamos se nos deixan! Ademais pola tarde chega a miña parte preferida do día. Toca cantar! Chega Patri e o repertorio ten de todo: muiñeiras, pasodobres, boleros, rancheras… Así da gusto rematar o día.

E así son os días en AFAMO. Pregúntanme se me gusta vir aquí. Que queredes que vós diga? Hai días nos que non me apetece nadiña levantarme da cama, imaxínome que a todo o mundo lle pasa, pero polo normal, sempre o paso ben. Ademais, sei que me fai moito ben ir e o máis importante, sei que as nenas quérenme ben, polo menos eu a elas quéroas moito.


Esta é a historia de Lola, pero detrás destas liñas atopamos a planificación e o traballo dun grupo de profesionais que cada día chegan ó centro de día con gañas de axudar a mellorar a vida das persoas afectadas polo alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas. Pero para contarvos máis sobre o seu traballo teredes que esperar un pouquiño…

Dende FAGAL e as nosas AFAs queremos que estas palabras permitan eliminar dunha vez por todas os prexuicios que nalgunhas ocasións continúan a verse na nosa sociedade respecto ós centros para persoas maiores, como fai pouco puidemos observar nun proxecto audiovisual que se fixo viral nos últimos tempos.


Autora: Rocío Romero, psicóloga de AFAMO


Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar