facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Revista 20 Anos
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

600 persoas asisten á Andaina Solidaria organizada pola Federación Alzhéimer Galicia

19/9/2016
  • Os asistentes percorreron os 4km que separan o Monte do Gozo e o Parque de Bonaval, onde se inaugurou o Espazo da Memoria.
  • O acto contou coa participación dos Conselleiros de Sanidade e Política Social, a Concelleira de Políticas Sociais de Santiago e da Presidenta de CEAFA.
  • A Andaina serviu para reivindicar a posta en marcha dunha Estratexia Transversal de Atención ás Demencias.

Este sábado tivo lugar en Santiago de Compostela a Andaina Solidaria organizada pola Federación Alzhéimer Galicia como acto central da súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer, que ten como lema “Marcándolle o paso ó alzhéimer”. Arredor de 600 persoas , entre as que destacaban profesionais, familiares e afectados das 13 asociacións galegas e chegadas dende diferentes puntos de Galicia, reuníronse ás 11 da mañá no Monte do Gozo de Santiago para iniciar xuntos a actividade. Así mesmo, a Andaina contou coa presenza do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; a Concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Concepción Fernández; e representantes do PSdG e do BNG.

Antes de comezar a actividade, o presidente de FAGAL, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, quixo agradecer a presenza da todas as persoas que chegaron dende toda Galicia e a importancia de facer visibles as necesidades do colectivo con este acto. Por outra banda, o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, recoñeceu o traballo da federación e as súas asociación, ó mesmo tempo que puxo como prioridade da súa Consellería traballar na mellora das condicións das persoas que se atopan en situación de dependencia.

Ás 11:20 comezaba a Andaina, con moi bo ambiente entre os asistentes e coa axuda de Protección Civil de Santiago de Compostela e voluntarios do Colexio Maior San Agustín e de Voluntariado Galego, que axudaron a manter ó grupo unificado. Os asistentes percorreron os últimos kilómetros do Camiño de Santiago, para acabar desviando o seu camiño cara o Parque de Bonaval, onde estaba preparado o acto máis esperado.

Ó redor das 13h, o grupo chegou á parte norte do Parque, onde estaba previsto a inauguración do Espazo da Memoria, un emprazamento cedido polo Concello de Santiago que vai ser un lugar de recordo a todos os afectados polas demencias neurodexenerativas e as súas familias. O primeiro en tomar a palabra foi o Presidente de FAGAL, Juan Carlos Rodríguez, que fixo un chamamento para a posta en marcha dunha Estratexia Transversal de Atención ás Demencias de maneira urxente. Así mesmo, recordou as propostas que dende a Federación se están presentando ós candidatos ás eleccións, entre as que destacan o recoñecemento do alzhéimer como prioridade de saúde pública, a posta en marcha de recursos específicos para os coidadores, o desenvolvemento de servizos especializados no ámbito rural ou a potenciación da investigación social e clínica.

Tras esta intervención, a Concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concepción Fernández, destacou o traballo de FAGAL e a súa asociación AGADEA no concello e puxo o aceno en continuar coas políticas que pouco a pouco permitan marcarlle o paso ó alzhéimer.

Pola súa banda, a Presidenta de CEAFA, Cheles Cantabrana, quixo facer fincapé na figura do coidador, como así o fai a confederación da súa campaña #conCdeCuidador, buscando o recoñecemento público destas persoas e reclamando recursos oportunos para eles.

Por último, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázque Almuíña, recordou que cada ano se detectan 5.000 casos de alzhéimer na nosa comunidade e afirmou o compromiso da administración co movemento asociaciativo e para o desenvolvemento de proxectos de información, orientación e atención interdisciplinar de pacientes e familia.

Ó remate dos discursos, membros da Federación introduciron diferentes obxectos na cápsula do tempo, como información sobre a doenza na actualidade e identificadores de cada unha das asociacións, e que logo se soterrou na pedra que contén a praca conmemorativa do Espazo e que foi cedida pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra. Así mesmo, procedeuse á prantación dunha árbore, un carballo, e así quedou inaugurado o Espazo da Memoria.

Dende a Federación Alzhéimer Galicia queremos agradecer tamén a colaboración doutras entidades na organización desta Andaina: Supermercados Froiz, Corporación Hijos de Rivera, INGAPAN, Colexio LaSalle e Adoa Centro de Xardinería

Galería


Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar