facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

Azafranes POTE lanza o libro "Recetas para el recuerdo" en colaboración coa Federación Alzhéimer Galicia e as súas asociacións

19/3/2018
  • En colaboración coa Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) e co cociñeiro Yayo Daporta, POTE pretende dar a coñecer os beneficios do azafrán á hora de previr enfermidades dexenerativas como o párkinson, a esclerose múltiple ou o alzhéimer.
  • A partir dos testemuños de persoas con alzhéimer e dos seus familiares, recompiláronse unha ducia de receitas tradicionais elaboradas con azafrán e recolleito no libro ‘Recetas para el Recuerdo’, unha iniciativa cuxa recadación se destinará integramente á federación e as súas asociacións.

A empresa de azafranes POTE pon en marcha, dentro da súa campaña de Responsabilidade Social Corporativa, o proxecto 'Recetas para el Recuerdo', coa que pretende dar a coñecer os beneficios desta valiosa especia na prevención e retardación das enfermidades neurodegenerativas, ademais de achegar visibilidade á enfermidade de Alzheimer.

A Federación Alzhéimer Galicia e catro das súas asociacións (AFAPO, AFAMO, AGADEA e AFAL Ferrolterra), colaboraron nesta iniciativa que pretende recuperar a memoria culinaria baixo o nexo de unión do azafrán. ‘Recetas para el Recuerdo’ é un receitario que recupera doce pratos tradicionais en proceso de esquecemento ou en desuso que foron seleccionados a partir dos testemuños de doce mulleres con alzhéimer, usuarias dos centros de día destas catro asociacións, e dos seus familiares. Entrevistas nas que cada unha elixiu aquel prato que máis marcou a súa vida.

As ameixas á mariñeira de Trindade, o bacallau á francesa de Amelia, a roupa vella de Mercedes, o arroz con pito de Dores, os fideos con ameixas de Josefa, as empanadas de bacallau de Manuela, o bandullo de María, o galo asado de Leonor, o arroz con carne de Antonia, a carne guisada de Ángeles, as choupas recheas de Felisa e o arroz con coquinas de Soidade conforman unha obra de 120 páxinas na que cada receita está vinculada a unha historia vital, aos recordos e anécdotas das protagonistas, demostrando que un pode esquecer unha receita, pero nunca o que lle fixo sentir o seu sabor.

Os beneficios obtidos da venda do libro (15 €), no que tamén colaborou o cociñeiro galego Yayo Daporta interpretando e dando forma ás receitas, destinaranse integramente ás asociacións e centros de día da Federación Alzhéimer Galicia. Este receitario xa está á venda en www.recetasparaelrecuerdo.com e proximamente nos Centros de Día colaboradores: AFAPO (Pontevedra), AFAMO (Moaña), AGADEA (Ribeira) e AFAL Ferrolterra (Ferrol).

Presentación da iniciativa

O pasado xoves tivo lugar no hotel A Quinta da Auga, en Santiago de Compostela, a presentación deste proxecto. Durante o acto estiveron presentes o Presidente de FAGAL, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, a Responsable de Comunicación de Verdú Cantó Saffron Spain, Susana Salgago, e o cociñeiro Yayo Daporta.

O acto serviu para presentar o proxecto a través dun vídeo que resume o obxectivo deste libro, e que xa pode verse na páxina web do proxecto www.recetasparaelrecuerdo.com

Así mesmo, este libro solidario presentouse tamén en Madrid, para dar a coñecer a nivel nacional este proxecto. Esta presentación realizouse no Restaurante Rafa da capital madrileña, cunha presenza importante de medios de comunicación.

Os beneficios do azafrán

O uso do azafrán con fins terapéuticos remóntase ao ano 2.300 a. C., data da que datan as primeiras referencias documentais. Utilizábase na medicina tradicional chinesa e na ayurvédica e aparece como ingrediente nas farmacopeas antigas, recoñecido polas súas propiedades para mellorar o estado de ánimo, polo seu efecto positivo na dixestión e polas súas calidades afrodisíacas. Hoxe en día, todas estas virtudes e moitas máis están a ser confirmadas por investigacións científicas que sitúan aos seus principais compoñentes –a crocina, a crocetina e o safranal– como promotores da saúde.

Entre os múltiples beneficios desta especia milenaria, cuxo cultivo esixe mimo, paciencia e dedicación, están o que favorece o sistema dixestivo (debido aos seus compoñentes amargos que estimulan as secrecións salivais e gástricas), reduce a presión arterial e o risco cardiovascular e mellora a visión, previndo determinados trastornos oculares. É ademais un potente antioxidante (capaz de eliminar os radicais libres que provocan o envellecemento celular) e un antidepresivo natural (grazas á crocina) con efectos relaxantes e vigorizantes (eleva os niveis de serotonina), polo que resulta ideal para combater a tensión e a ansiedade. Pero sobre todo, o seu consumo é aconsellable para previr e retardar os efectos de enfermidades neurodegenerativas como o párkinson (xa que protexe as células cerebrais responsables da produción de dopamina e estabiliza os niveis desta substancia), a esclerose múltiple e o alzhéimer, xerando un efecto positivo sobre a capacidade de aprendizaxe e a memoria.

Galería


Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar