facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Revista 20 Anos
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

Down Galicia e a Federación Alzhéimer Galicia asinan un convenio na procura dun envellecemento activo das persoas coa síndrome de Down

27/9/2016
  • A este acordo súmanse as entidades membro tanto da Federación Down Galicia como da Federación Alzhéimer Galicia.
  • O principal obxectivo deste convenio é a posta en marcha de medidas de avance no proceso de envellecemento activo e saudable das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual.
  • Estímase que en Galicia hai ao redor de 2.720 persoas coa síndrome de Down e preto de 12.000 persoas con discapacidade intelectual, para as cales non existen programas axeitados na área do envellecemento.

O alzhéimer estase a converter xa no principal problema médico das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual. A necesidade de abordar medidas de avance no proceso de envellecemento activo e saudable deste colectivo é o obxectivo fundamental do convenio de colaboración asinado esta mañá polo presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto, e polo presidente da Federación Alzhéimer Galicia, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez.
A través deste acordo ambas entidades se comprometen a participar e colaborar activamente nas actividades e proxectos que se acorde establecer e que irán encamiñados ó intercambio de información sobre o perfil e as necesidades do colectivo de persoas con discapacidade intelectual e cunha demencia neurodexenerativa.

Acórdase, ademais, o asesoramento e traballo compartido no deseño e posta en marcha de programas de envellecemento activo e saudable; a busca de recursos, estratexias e metodoloxías para mellorar o proceso de envellecemento dos colectivos; a promoción de accións que contribúan a unha maior visibilización, participación e inclusión das persoas maiores con discapacidade intelectual e cunha demencia neurodexenerativa en programas e servizos da comunidade; e a colaboración nas actividades/xornadas de formación, sensibilización e información que se poñan en marcha, entre outros.

Na actualidade estímase que viven en Galicia 2.720 persoas coa síndrome de Down e preto de 12.000 persoas con algún tipo de discapacidade intelectual que necesitan que se estuden as súas particularidades e contextos de envellecemento.

Unha nova situación derivada do incremento da esperanza de vida

Un dos cambios máis significativos das persoas coa síndrome de Down nas últimas décadas é o notable incremento da súa esperanza de vida, que pasou de ser de aproximadamente 9 anos a comezos do pasado século aos 60-64 anos da actualidade. Isto foi posible grazas aos avances nos ámbitos da saúde integral, á incorporación a unha educación inclusiva, á presenza cada vez máis normalizada e demandada por elas mesmas para acceder aos contextos laborais, e aos novos modelos de vida independente que se están levando a cabo desde fai anos na sociedade actual.

Neste sentido, o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, indicou que “a traxectoria vital das persoas coa síndrome de Down cambiou, xa que agora van vivir moitos máis anos, e tamén van envellecer. É un fenómeno novo que aínda está invisibilizado. A súa capacidade para envellecer con calidade e benestar vai depender das estratexias que se adopten para que poidan adaptarse aos cambios que leva consigo esta nova situación persoal, familiar e social do envellecemento.”

Alzhéimer e síndrome de Down

Xunto co incremento da esperanza de vida, obsérvase a aparición de manifestacións propias dun envellecemento precoz –comezan a envellecer a partires dos 40 anos aproximadamente- así como unha asociación importante entre a síndrome de Down e a enfermidade de Alzhéimer. Atendendo a estes datos, Rodríguez Bernárdez resaltou a importancia de “que colectivos que traballan no mesmo ámbito procuremos a posta en marcha de estratexias conxuntas que axuden a mellorar a situación que estamos a vivir, especialmente no relacionado coas demencias neurodexenerativas”.

Galería


Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar