facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Revista 20 Anos
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

A Federación Alzhéimer Galicia conmemorou “20 anos facendo camiños, facendo memoria” cunha Gala Solidaria en Santiago

24/9/2018
  • O evento reuniu na Sala Mozart do Auditorio de Galicia a máis de 250 persoas entre as que se atopaban o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
  • A actriz Lucía Regueiro foi a encargada de presentar a gala, que contou coas actuacións de Tania Fuegho, Fran Allo e Silvia Penide.
  • FAGAL recoñeceu á Fundación Barrié e ao investigador Carlos Spuch polo seu apoio ás entidades de alzhéimer galegas.

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) conmemorou este sábado o seu 20 Aniversario coa celebración dunha Gala Solidaria, que reuniu na Sala Mozart do Auditorio de Galicia a personalidades políticas, membros das asociacións pertencentes a FAGAL, familiares de persoas con alzhéimer e representantes das entidades de discapacidade de Galicia. Este evento, presentado pola actriz e presentadora Lucía Regueiro, fixo un percorrido pola traxectoria da entidade baixo o lema “20 Anos: Facendo Camiños, Facendo Memoria”.

A gala comezou cun agarimoso recordo as catro fundadoras de FAGAL, presentes na sala, para continuar cun video resumo destes 20 anos de historia da entidade. Tras isto, a Concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Concepción Fernández, quixo recoñecer o traballo da federación e das súas asociacións, e recordou a importancia da implicación de todos na loita contra esta enfermidade.

Pola súa banda, o Presidente da Federación Alzhéimer Galicia, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, destacou durante o seu discurso proxectos importantes para as entidades de alzhéimer galegas, como a Rede Pública de Centros de Día específicos en alzhéimer, as Xornadas Interdisciplinarias da federación ou o programa formativo Xuntos nos Coidados. Ademais, reivindicou unha vez máis a necesidade da posta en marcha dunha Estratexia Transversal de Atención ás Demencias en Galicia, dado o significativo aumento previsto para os casos de demencias na nosa comunidade para os vindeiros anos
.
Durante esta gala tamén houbo momento para os recoñecementos. Así, a federación premiou o apoio da Fundación Barrié ás asociacións de alzhéimer galegas, grazas á posta en marcha do programa Red Paraguas Alzheimer e do proxecto Más Social. Ademais, FAGAL quixo recoñecer a importancia da investigación cun galardón ao investigador e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias, Carlos Spuch.

O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, pechou as intervencións cun discurso no que apelou á “necesaria a implicación e coordinación das estruturas sanitarias e sociosanitarias na atención e o coidado integral da persoa con alzhéimer”, ao tempo que destacou a colaboración continua da Consellería con FAGAL nestes 20 anos de historia.

Nesta gala non podía faltar a música, que fixo acto de presenza coas actuacións de Tania Fuegho, Fran Allo e Silvia Penide, que fixeron as delicias dos asistentes con cancións cheas de forza e sentimento.

Galería


Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar