facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Revista 20 Anos
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

A Federación Alzhéimer Galicia busca crear unha maior conciencia social coa súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer

31/8/2018
  • O obxectivo deste ano é facer fincapé na importancia dunha maior conciencia social da enfermidade, que afecta en Galicia a preto de 100.000 persoas.
  • O sábado 22 terá lugar o acto principal coa celebración da Gala polo 20 Aniversario de FAGAL, presentada pola actriz Lucía Regueiro.
  • A campaña, que ten como lema “Ela non se acordará, e ti?”, poderá seguirse nas redes sociais baixo a etiqueta #NonMeEsquecerei.

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) pon en marcha mañá dia 1 de setembro a súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora o vindeiro 21 de setembro. O lema elixido este ano pola federación e as trece asociacións galegas para esta data é “Ela non se acordará, e ti?”. Este lema nace da necesidade dunha maior conciencia social da enfermidade, que afecta en Galicia a preto de 100.000 persoas, e que involucre a todos os eidos da sociedade.

Neste ano 2018, a través desta campaña, a federación quere facer máis visibles dous aspectos que tanto as administracións públicas como a sociedade en xeral deben axudar a recoñecer:

  • Reivindicar a necesaria conciencia para garantizar unha axeitada abordaxe integral do alzhéimer.
  • Un maior compromiso coa ciencia como único recurso para avanzar cara a erradicación da enfermidade, así como tamén das súas consecuencias.

Ademais, neste 20 Aniversario de FAGAL, a federación e as asociacións volven a remarcar a importancia da posta en marcha en Galicia dunha Estratexia Transversal de Atención ás Demencias, que involucre a todos os eidos da Administración e que complemente ao Plan Nacional de Alzheimer que se publicará próximamente.

Gala 20 Aniversario
Durante este mes de setembro, a Federación Alzhéimer Galicia desenvolverá diversos eventos para conmemorar este día, que terá como acto principal a celebración da Gala do 20 Aniversario de FAGAL o vindeiro 22 de setembro na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. A gala, que reunirá ás persoas e entidades imprescindibles para o desenvolvemento da federación durante todo este tempo, será presentada pola actriz Lucía Regueiro e contará coas actuacións musicais de Tania Fuegho, Silvia Penide e Fran Allo.

Ademais, a federación será a protagonista dunha exposición fotográfica na Xunta de Galicia e de actividades formativas postas en marcha coa Fundación Reina Sofía, CEAFA e CRE Alzhéimer, e o Consello Económico e Social. Os detalles desta campaña, así como os datos da situación do alzhéimer en Galicia, presentaranse nunha rolda de prensa que terá lugar o martes 11 de setembro no Auditorio da sede de Afundación, na rúa do Vilar, ás 12:30h.

#NonMeEsquecerei

A través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) pódese seguir e apoiar a campaña baixo a etiqueta #NonMeEsquecerei. Desde a Federación Alzhéimer Galicia quérese animar aos usuarios a que publiquen unha fotografía propia co cartel da campaña ou destacando nun calendario o día 21 de setembro xunto coa etiqueta, amosando así o seu apoio ás persoas con alzhéimer e ás súas familias. Na web de FAGAL estará dispoñible unha plantilla descargable coa fotografía de campaña e o lema para que poidan apoiar a campaña.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar