facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

A Federación Alzhéimer Galicia inicia a campaña polo Día Mundial do Alzheimer baixo o lema “Recorda quen son”

1/9/2017
  • O obxectivo deste ano é facer fincapé na importancia da persoas con alzhéimer ou outras demencias, dándolle o protagonismo tanto no lema como na imaxe de campaña.
  • O sábado 16 terá lugar o acto principal coa celebración da II Andaina Solidaria en Santiago de Compostela.
  • A campaña poderá seguirse nas redes sociais baixo a etiqueta #RecordaQuenSon

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) comeza mañá dia 1 de setembro a súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora o vindeiro 21 de setembro. O lema que utilizará a federación e as trece asociacións galegas para este mes é “Recorda Quen Son”. Este lema nace da necesidade de centrar a mensaxe na persoa afectada polo alzhéimer ou outra demencia, así como amosar a importancia de todas aquelas persoas que traballan para mellorar a vida das persoas cunha demencia (familiares, traballadores das AFAs, investigadores, médicos, etc).

Así, a través desta campaña, a federación quere facer máis visibles aqueles aspectos que considera que tanto as administracións públicas como a sociedade en xeral deben axudar a recoñecer:

  • A defensa da dignidade da persoa con alzhéimer, respectando sempre a autonomía da persoa ó máximo
  • O recoñecemento dos dereitos das persoas con alzhéimer.
  • O recoñecemento da figura da persoa coidadora e dos seus dereitos, recoñecendo o seu valor e visibilizando a súa labor ante a sociedade.
  • Recoñecemento do 33% de discapacidade de maneira automática para as persoas ás que se lles diagnostique alzhéimer ou outra demencia.

#RecordaQuenSon

A través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) pódese seguir e apoiar a campaña baixo a etiqueta #RecordaQuenSon. Desde a Federación Alzhéimer Galicia quérese animar aos usuarios das redes a que publiquen unha fotografía da persoa que non queren esquecer ou ben unha fotografía imitando ó cartel da campaña, onde diante se sitúe a persoa con demencia e detrás o resto de persoas. Así mesmo, para aquelas persoas que non desexen publicar unha fotografía propia, estará dispoñible na páxina web unha plantilla descargable coa fotografía de campaña para apoiala.

Por outra banda, estará dispoñible na nosa canle de Youtube un video realizado con motivo desta campaña, que contou coa colaboración desinteresada de actrices e actores profesionais.

II Andaina Solidaria

Como acto central da campaña, FAGAL organiza a II Edición da súa Andaina Solidaria, que terá lugar o vindeiro 16 de setembro en Santiago. Esta actividade comezará ás 11h no Monte do Gozo e percorrerá o último tramo do Camiño ata o Parque de Bonaval, onde se realizará un acto no Espazo da Memoria, emprazamento inaugurado o pasado ano en recordo das persoas con alzhéimer e as súas familias. Esta andaina, á que acudirán traballadores das AFAs e coidadores, está aberta á cidadanía, que pode inscribirse no teléfono 981595121 ou na web www.fagal.org.

Esta campaña, así como os datos da situación do alzhéimer en Galicia, presentarase nunha rolda de prensa que terá lugar o martes 12 de setembro no Auditorio da sede de Afundación, na rúa do Vilar, ás 11h.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar