facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Revista 20 Anos
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

A Federación Alzhéimer Galicia reclama maiores recursos para a atención das persoas con alzhéimer polo Día Mundial

12/9/2018
  • FAGAL presentou esta mañá a súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer, na que fai fincapé na importancia da conciencia social e o apoio investigación desta enfermidade.
  • O vindeiro sábado 22 terá lugar o acto central coa celebración da Gala do 20 Aniversario da entidade, presentada pola actriz Lucía Regueiro.
  • O acto serviu para coñecer os avances da Rede Galega de Investigación en Demencias creada o pasado ano.

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) presentou esta mañá en rolda de prensa a súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer, na que reivindica a necesidade dunha maior conciencia social da enfermidade na que se poña no centro de atención a defensa dos dereitos e da dignidade das persoas afectadas. Baixo o lema “Ela non se acordará, e ti?”, a federación tamén quere facer fincapé na importancia do compromiso coa investigación como único recurso para avanzar cara a erradicación do alzhéimer.

O presidente de FAGAL, Juan Carlos Rodríguez, resaltou que temos que “reivindicar a dignidade da persoa con alzhéimer e dos seus coidadores, traballando nesa concienciación social”, en alusión ó lema utilizado este ano pola federación. Así mesmo, reclamou das Administracións a posta en marcha de maiores recursos para a atención ás persoas con alzhéimer, como parte da Estratexia Transversal de Atención ás Demencias en Galicia que a federación ven reclamando nos últimos anos.

Por outro lado, o coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias (REGIDEM), Carlos Spuch, resaltou a importancia dun maior apoio á investigación e avanzou a intención da Rede de poñer en marcha un proxecto epidemiolóxico para “saber canta xente ten unha demencia en Galicia, distinguindo as zonas rurais das zonas urbanas”. O investigador cifrou en ao redor de 100.000 persoas en Galicia sofren algún tipo de demencia, segundo as estimacións realizadas con datos da OMS.

Gala 20 Aniversario

FAGAL aproveitou este acto para presentar a campaña que puxo en marcha o pasado 31 de agosto con motivo do Día Mundial do Alzheimer, baixo o lema “Ela non se acordará, e ti?”, e dar conta dos actos previstos para conmemorar tanto esta data como o 20 Aniversario da entidade.

O vindeiro sábado 22 a federación organiza unha Gala conmemorativa, que reunirá en Santiago de Compostela a todas aquelas persoas imprescindibles para o desenvolvemento da federación durante estes 20 anos. Presentada pola actriz Lucía Regueiro, contará coas actuacións de Tania Fuegho, Silvia Penide e Fran Allo. As persoas interesadas en acudir a esta gala poden contactar coa federación na súa web www.fagal.org ou nas súas redes sociais.

Por outra banda, mañá ás 12h a federación xunto coa Dirección Xeral de Maiores e o CERMI Galicia inaugura a exposición “CapacitARTE: Así somos, así o facemos” na Xunta de Galicia, unha exposición fotográfica dos proxectos máis destacados postos en marcha polo sector asociativo do alzhéimer nestes últimos anos.

No apartado formativo, a federación participará o vindeiro día 18 participará no I Simposio nacional "A investigación sociosanitaria na enfermidade de Alzheimer e outras demencias", organizado pola Fundación Reina Sofía, CEAFA e o CRE Alzhéimer na Facultade de Medicina. Así mesmo, o luns 24 FAGAL organiza xunto co Consello Económico e Social a xornada “Envellecemento e demencias”, na que diversos axentes sociais exporán unha visión global desta doenza.

#NonMeEsquecerei

A través das redes sociais a Federación Alzhéimer Galicia anima á cidadanía a seguir e apoiar a campaña baixo a etiqueta #NonMeEsquecerei, publicando unha fotografía propia co cartel da campaña ou destacando nun calendario o día 21 de setembro xunto co lema anteriormente indicado.

Galería


Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar