facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

A Federación Alzhéimer Galicia reivindica os dereitos das persoas con alzhéimer e dos seus coidadores na súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer

12/9/2017
  • FAGAL presentou esta mañá a súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer, na que fai fincapé na persoa afectada baixo o lema “Recorda quen son”.
  • O vindeiro sábado terá lugar o acto central coa celebración da II Andaina Solidaria en Santiago de Compostela.
  • O acto serviu para dar a coñecer o proxecto da Rede Galega de Investigación en Demencias.

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) presentou esta mañá en rolda de prensa a súa campaña polo Día Mundial do Alzheimer, na que reivindica a necesidade do recoñecemento dos dereitos das persoas con alzhéimer e dos seus coidadores. Baixo o lema “Recorda quen son”, a federación tamén quere facer fincapé na importancia da defensa da dignidade das persoas afectadas e do recoñecemento automático do 33% de discapacidade no momento do diagnóstico.

O presidente de FAGAL, Juan Carlos Rodríguez, resaltou que a persoa con alzhéimer “segue sendo a mesma, o que cambia é a súa condición”, en alusión ó lema utilizado este ano pola federación. Así mesmo, quixo apuntar outras necesidades que FAGAL ven reclamando nos últimos anos, como a posta en marcha dunha Estratexia Transversal de Atención ás Demencias en Galicia e a declaración do alzhéimer como prioridade de saúde pública no SERGAS.

Por outro lado, o investigador Carlos Spuch, deu a coñecer a Rede Galega de Investigación en Demencias (REGIDEM), que nace como un esforzo de investigación colaborativa e multidisciplinar en demencias, e que inclúe a actores do ámbito da investigación básica, clínica e grupos sociais. Un dos impulsores do proxecto quixo destacar que “o futuro para unha detección precoz ou unha cura do alzhéimer pasa polo investigación”, en referencia a unha das reivindicacións de FAGAL, que solicita un maior apoio neste campo.

Andaina Solidaria

FAGAL aproveitou este acto para presentar a campaña que puxo en marcha o pasado 1 de setembro con motivo do Día Mundial do Alzheimer, baixo o lema “Recorda quen son”.

O vindeiro sábado 16 a federación e as asociacións que a compoñen organizan a II Andaina Solidaria, que percorrerá os 5,5km que separan o Monte do Gozo e o Espazo da Memoria, no Parque de Bonaval, en Santiago de Compostela, con inicio ás 11 da mañá. A inscrición está aberta no teléfono 981595121 e na web www.fagal.org

Por outra banda, o 20 de setembro FAGAL presentará no Centro Sociocultural do Ensanche o manual “Traballo Social en alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas”, elaborado polas profesionais das asociacións galegas. Así mesmo, o día 21 de setembro os edificios máis emblemáticos das principais cidades galegas iluminaranse de cor morada en apoio á loita contra o alzhéimer.

#RecordaQuenSon

A través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) FAGAL anima á poboación a seguir e apoiar a campaña baixo a etiqueta #RecordaQuenSon, publicando unha fotografía da persoa que non queren esquecer imitando o cartel da campaña. Así mesmo, para aquelas persoas que non desexen publicar unha fotografía propia, estará dispoñible na páxina web unha plantilla descargable coa fotografía de campaña para apoiala.

Unido a isto, está dispoñible na canle de Youtube e na web da federación un video realizado con motivo desta campaña, que contou coa colaboración desinteresada de diversos actores profesionais.

Galería


Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar