facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Revista 20 Anos
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

Francisco Pantín, novo presidente de AFAL Ferrolterra

27/6/2019
  • A Xunta directiva da nosa asociación AFAL Ferrolterra renóvase. Francisco Pantín toma o relevo de Ana María López coa prioridade de dar maior visibilidade á asociación, sumar socios e socias e avanzar na descentralización das terapias cara os concellos da comarca.

Os socios e socias de AFAL Ferrolterra elixiron o pasado venres, en asemblea, á súa nova xunta directiva. E, por aclamación, a lista encabezada por Francisco Pantín Castro foi designada para asumir a xestión da entidade durante os próximos anos. Francisco Pantín convertíase así no novo presidente de AFAL, tomando o relevo de Ana María López, a quen agradeceu o seu intenso traballo e compromiso durante a súa primeira intervención. Acompáñanno Juan Carlos López Fernández como vicepresidente; Susana González Dasilva, que repite como secretaria; Jesús Antonio Folgueira Novo como tesoureiro, e Paula Torres Casanova, Manuel Abelenda Pena e Mónica Rico Marta como vogais.

Precisamente, Francisco Pantín sinalaba que, máis que presidir, coordinará este magnífico equipo e avanzaba unha das súas primeiras medidas: a incorporación ao organigrama de AFAL dun staff –ou consello asesor- que integrará a mulleres e homes que coñecen moi ben a asociación tras desenvolver a súa actividade nela como traballadores/as ou membros de xuntas directivas anteriores. Trátase, en definitiva, de contar con todos e con todas e aproveitar os coñecementos de todo aquel que queira sumar.

Así mesmo, Francisco Pantín destacou na súa primeira intervención que AFAL Ferrolterra consolidouse ao longo dos seus 22 anos de existencia como unha entidade de referencia na atención ás persoas afectadas de alzheimer e as súas familias e coidadores, impulsando día a día terapias e programas pioneiros. Un camiño que foi labrando o seu extraordinario equipo humano, os seus voluntarios e voluntarias, socios e socias e directivas.

Entre as súas prioridades, o novo presidente de AFAL avanzou dar maior visibilidade á asociación a nivel social; sumar novos socios e socias e profundizar na descentralización das terapias cara aos concellos da comarca, ampliando os talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas que xa se desenvolven en municipios como Ares, Cedeira, Pontedeume e Narón.

Na mesma xornada do venres, e tamén en asemblea, os socios e socias aprobaron por unanimidade a memoria de actividades do exercicio 2018 e o plan de acción para este ano, así como as contas do 2018 e a previsión de ingresos e gastos para o exercicio en curso.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar