facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
Recetas para el Recuerdo
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

Tarde Solidaria de Cabanas Rural a beneficio de AFAL Ferrolterra este sábado en Lavandeira

14/6/2018
  • A cita alcanza a súa novena edición e ofrecerá a nenos e maiores unha morea de actividades como baile, chocolatada e espectáculos musicais.

A Tarde Solidaria de Cabanas Rural cumprirá este sábado a súa novena edición mantendo intacta a súa esencia e obxectivos: ofrecer unha morea de actividades de lecer para que nenos e maiores disfruten dunha tarde única e, ó mesmo tempo, recadar fondos para unha causa como a que leva a cabo AFAL Ferrolterra, contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de alzheimer e das súas familias. Esta mañá, Bea Carbón, vicepresidenta da asociación organizadora; Ana María López, presidenta de AFAL, e Noelia Ríos, directora asistencial, presentaban a cita no centro de día terapéutico da rúa Río Castro e avanzaban unha das actividades estrela: a representación do musical Grease como peche da Tarde.

Pero antes diso, o programa previsto no pavillón de Lavandeira, en Cabanas, inclúe a benvida ós asistentes sobre as 16,30 horas. De seguido, comezará unha vistosa e espectacular exhibición de baile moderno a cargo da Escola de Baile de Boris Pico, de Fene, que colaborará desinteresadamente coa Tarde Solidaria. Bailaríns de todas as idades amenizarán a velada. E, sobre as 17 h, tomarán o relevo os alumnos e alumnas do Ximnasio Xiros de As Pontes. Sobre as cinco e cuarto, os maiores de AFAL Ferrolterra e as alumnas dos talleres de Cabanas Rural protagonizarán un dos momentos máis bonitos da xornada: crearán un cadro que, como é costume, pasará a decorar o centro de día terapéutico de AFAL. Ás 18 horas dará comezo a merenda, a base de biscoitos e 100 litros de chocolate e, media hora máis tarde, o grupo de música tradicional Airiños do Eume de Pontedeume inundará o pavillón coa súa música e espectáculo. E, xa sobre as 19,30 h, chegará o esperado espectáculo de baile baseado no clásico Grease, que coincide co 40 aniversario do clásico cinematográfico. Será por conta dos integrantes do Ximnasio Xiros Por último, ás 20 horas, procederase ao sorteo dos agasallos cedidos por particulares e establecementos entre aqueles que mercasen as rifas, cuxa recadación se destina a AFAL Ferrolterra.

Nesta liña, Ana María López quixo agradecer moi especialmente a Cabanas Rural Asociación de Mulleres o incrible traballo que leva a cabo para facer posible esta iniciativa solidaria xa consolidada no calendario da comarca e o cariño que sempre lle amosa. Noelia Ríos destacou os beneficios terapéuticos para os maiores de AFAL que acuden a esta cita, xa que interaccionan coas mulleres de Cabanas Rural na creación do cadro, ven os seus traballos expostos e comparten momentos de lecer con nenos e maiores. Por último, Bea Carbón quixo convidar á veciñanza a asistir este sábado á Tarde Solidaria para pasar unhas horas agradables, solidarias e na mellor compañía.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar