facebook FAGAL Twitter FAGAL Instagram FAGAL linkedin FAGAL
Newsletter
Separador
FagalenLSE
Problemas de memoria
Grupo de Traballo en Demencias
YoTeCuidoApp

Que é o alzhéimer

Alois Alzheimer

Esta enfermidade foi descrita por vez primeira por Alois Alzheimer no ano 1906. Xa a partir de 1901 Alzheimer ocupárase dunha enferma chamada Augusta D., ingresada aos 51 anos no Hospital de Frankfurt cun grave e progresivo cadro de deterioración mental que incluía perda de memoria, desorientación temporoespacial, paranoia, alucinacións e delirios e linguaxe incoherente. Cando esta paciente morreu en 1906, o seu cerebro foille remitido a Alzheimer para o seu estudo, dando así lugar á primeira descrición anatomoclínica do que se pasou a coñecer, a partir da edición de 1910 do Manual de Psiquiatría de Kraepelin, como “enfermidade de Alzheimer”. No seu estudo, Alzheimer mostraba a asociación entre esa descrición clínica determinadae unha serie de cambios morfolóxicos na codia cerebral. En 1911 describiu un segundo caso, en ese mesmo ano Fuller publicou a primeira revisión de 13 casos da enfermidade.

A enfermidade de Alzheimer

O alzhéimer é unha demencia primaria, dexenerativa e de carácter progresivo. Descoñécese a súa orixe, pero sábese que afecta ás células cerebrais, causando a morte progresiva das neuronas e, como consecuencia, o enfermo perde a capacidade de desenvolver as funcións que dependían desas neuronas mortas. Esta perda vaise desenvolvendo de maneira moi lenta ó principio da enfermidade e por iso os primeiros síntomas poden pasar desapercibidos tanto para os familiares coma para o propio afectado. Co paso do tempo a enfermidade evoluciona máis rápido e son máis evidentes os cambios que está a sufrir a persoa, que pouco a pouco vai perdendo a capacidade de coidar de si mesma.

Sinais de alarma

  • Perdas de memoria que afectan ás capacidades de traballo.
  • Dificultades para realizar tarefas familiares.
  • Problemas de linguaxe.
  • Desorientación no tempo e no espazo.
  • Pobreza de xuízo.
  • Problemas de pensamento abstracto.
  • Perder cousas ou gardalas en lugares incorrectos.
  • Cambios no humor e na conduta.
  • Cambios na personalidade.
  • Perda de iniciativa.

Diagnóstico

Cando alguén detecta algún dos sinais de alarma deberá contrastar os déficits observados con outros membros da familia e consultar co médico de cabeceira. Ó longo do proceso diagnóstico débense observar as reaccións e actitudes do enfermo e solicitar información, asesoramento e axuda. Ás veces dáse o caso de que durante unha visita médica detéctanse sinais sospeitosos e o médico indica a conveniencia de realizar un estudo diagnóstico.

O diagnóstico precoz é moi importante porque permite detectar e tratar posibles demencias reversibles, nas primeiras fases os tratamentos contra o deterioro cognitivo son máis eficaces, atrásase máis o avance da enfermidade, a familia pode planificar mellor a súa vida e a do seu familiar con demencia.

O diagnóstico de demencia ten que ser realizado por un médico especialista.

FASES

Estadio Leve

O dano da enfermidade aínda pasa desapercibido, tanto para o paciente coma para os familiares. O enfermo esquece pequenas cousas, como onde puxo as chaves, ou ten algunha dificultade para atopar unha palabra. Nesta etapa aínda pode traballar ou conducir un coche, aínda que é posible que comece a experimentar falta de espontaneidade ou de iniciativa e a mostrar certos signos depresivos. A capacidade de xuízo redúcese e ten dificultade para resolver novas situacións e organizar actividades. Poden aparecer signos de apatía e illamento e cambios de humor.

Estadio Moderado

A enfermidade xa resulta evidente para familia e achegados. O paciente presenta dificultades para efectuar tarefas como facer a compra, seguir un programa de televisión, ou planear unha cea. Xa non é só unha perda de memoria, senón tamén de capacidade de razoamento e comprensión. Nesta etapa, a deterioración avanza con bastante rapidez e os afectados poden chegar a perderse en lugares familiares. Ademais móstranse visiblemente apáticos e deprimidos.

Estadio Grave

Todas as áreas relacionadas coa función cognitiva do paciente se atopan afectadas. Perde a capacidade para falar correctamente, ou repite frases inconexas unha e outra vez. Non pode recoñecer ós seus familiares e amigos; nin sequera se recoñecen a eles mesmos ante un espello. A desorientación é constante. Ós pacientes máis graves esquéceselles andar e sentar e, en xeral, perden o control sobre as súas funcións orgánicas. Esquécense de feitos recentes e remotos. Permanecen horas inmóbiles, sen actividade e, normalmente, non poden andar. Deixan de ser individuos autónomos e necesitan que os alimenten e os coiden. Berran, choran ou rin sen motivo e non comprenden cando lles falan. Na súa etapa máis grave xorden rixideces e contracturas en flexión, permanecen en mutismo e poden chegar a presentar trastornos deglutorios.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar