FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

O pasado 7 de maio tiveron lugar as XX Xornadas Interdisciplinarias de FAGAL poñendo o foco na intervención especializada.

Nas Xornadas, ás que asistiron 120 persoas vinculadas á atención de persoas cunha demencia neurodexenerativa, tratáronse temas de actualidade que van dende a abordaxe interdisciplinaria á reforma dos procesos de valoración da capacidade.

09/05/2022 | Santiago de Compostela

Seguindo a liña doutros anos, as xornadas comezaron cun relatorio na que se coñeceu o modelo de traballo que se desenvolve fora de Galicia, correndo, nesta ocasión a cargo do Doutor Juan L. Pérez, da Federación Catalana de Alzhéimer.

De seguido  procedeuse á inauguración oficial na que participaron don Alfonso Alonso Fachado, Subdirector Xeral de  Xestión e Innovación en Servizo Galego de Saúde, Don José Javier Ventosa Rial, Subdirector Xeral de planificación de sistemas de información, calidade, humanización  e innovación asistencial e Isabel Gey, presidenta da Federación Alzhéimer Galicia.

Nela os presentes afondaron na importancia de traballar nunha estratexia sociosanitaria coordinada e na importancia da colaboración institucional-terceiro sector para xerar programas efectivos e coñecemento sobre as demencias en Galicia, como por exemplo, datos estatísticos de persoas diagnosticadas ou atendidas polos servizos especializados.

Na mesa de Diálogo Inaugural, os colexios profesionais de logopedia, educación social, fisioterapia, psicoloxía terapia ocupacional e traballo social de Galicia dialogaron sobre a importancia da intervención interdisciplinaria e coordinada en demencias.

Nos obradoiros paralelos expuxéronse temas que foron dende a reforma do Código Civil nos procesos de incapacitación -na que contou coa participación de Don Santiago Miguel Cruces,  Fiscal Delegado en  Galicia de atención de persoas con discapacidade-,  traballos desenvolvidos  polas AFAs, -coa exposición das asociacións galegas de alzhéimer AFAGA e AGADEA-  e o último obradoiro adicado a implantación de certificados de calidade nas asociacións de alzhéimer, impartido polo Director de AENOR Sede de Galicia, José E. Rodríguez Coello.

A clausura correu ó cargo do grupo musical interxeracional Deteriorados, na que Xaime Fandiño recalcou a importancia do envellecemento activo desde un punto de vista diferente e inconformista.

Desde a Federación Alzhéimer Galicia agradeceuse enormemente a colaboración e dispoñibilidade de cada unha das persoas relatoras, das asociacións e das persoas que asistiron e participaron nesta edición das Xornadas Interdisciplinarias de FAGAL.

 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Inventario de recursos > > Federación Alzhéimer Galicia