Noticias 

AGADEA abre un centro de día en Santiago de Compostela

Aínda que abrirá o 3 de febreiro, os días 20 e 22 de xaneiro celebrarase unha Xornada de Portas Abertas para visitalo e solventar as posibles dúbidas

14/01/2020 | Santiago de Compostela

O próximo 3 de febreiro, AGADEA abrirá en Santiago de Compostela o seu primeiro centro de día ao carón da sede, concretamente en Salgueiriños 15b.

Este centro conta cun total de 26 prazas dispoñibles para a atención integral a persoas maiores e en situación de dependencia, que estarán atendidas por persoal especializado e que conta cunha ampla experiencia. Traballarase, entón, por manter ou mellorar o nivel de autonomía de cada persoa usuaria.

O horario do centro de día será de 09.00 a 20.00h e poderase asistir en media xornada ou xornada completa, adaptándose ás necesidades de cada familia. Entre os servizos que oferta AGADEA atópase o transporte adaptado e facilítase a tramitación da axuda por dependencia.

Antes de abrir as portas do centro, os vindeiros días 20 e 22 de xaneiro haberá unha Xornada de Portas Abertas nas que as persoas interesadas se poderán achegar ao centro para visitar as instalación. Non será necesario ter cita previa e alí poderán consultar as posibles dúbidas coa responsable do centro.

Para máis información, pódese contactar no 981 59 57 38 ou no 722 74 29 47, ademáis do correo electrónico cdiasalgueirinos@agadea.org.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AGADEA