Qué é o alzhéimer
A enfermidade de Alzheimer
O alzhéimer é unha enfermidade neurodexenerativa e de carácter progresiva. Descoñécese a súa orixe, pero sábese que afecta ás células cerebrais, causando a morte continuada das neuronas e, como consecuencia, a persoa afectada perde a capacidade de desenvolver as funcións que dependían desas neuronas mortas. Esta perda prodúcese gradualmente e dun xeito lento ó principio da enfermidade e por iso os primeiros síntomas poden pasar desapercibidos tanto para os familiares coma para a propia persoa afectada. Co paso do tempo a enfermidade evoluciona máis rápido e son máis evidentes os cambios que está a sufrir a persoa, que pouco a pouco vai perdendo a capacidade de coidar de si mesma.
Un pouco de historia...
Esta enfermidade foi descrita por vez primeira polo médico Alois Alzheimer no ano 1906. Despois de cinco anos atendendo a Auguste Deter, ingresada ós 51 anos no Hospital de Frankfurt, que presentaba un grave e progresivo cadro de deterioro cognitivo que incluía perda de memoria, desorientación tempo-espacial, paranoia, alucinacións, delirios e linguaxe incoherente. Ausguste morreu en 1906 e o seu cerebro foille remitido a Alzheimer para o seu estudo, dando así lugar á primeira descrición anatomoclínica do que se pasou a coñecer, a partir da edición de 1910 do Manual de Psiquiatría de Kraepelin, como “enfermidade de Alzheimer”. No seu estudo, Alzheimer mostraba a asociación entre esa descrición clínica determinada e unha serie de cambios morfolóxicos na codia cerebral. En 1911 describiu un segundo caso, en ese mesmo ano Solomon Carter Fuller publicou a primeira revisión de 13 casos da enfermidade.