FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

O Centro de Atención Integral ao Alzhéimer de Afaga en Vigo reanuda a súa actividade

Os obradoiros de Estimulación Cognitiva e Funcional iniciáronse tras adaptar as instalacións do centro para cumprir cos protocolos de prevención fronte ó COVID-19

01/09/2020 | Vigo

Os obradoiros de estimulación cognitiva e funcional que Afaga Alzheimer ofrece no Centro de Atención Integral de Vigo retomaron a súa actividade terapéutica habitual a pasada semana. Esta reanudación chega tras a reapertura, o pasado 17 de agosto, do centro de día Beiramar, a Unidade Terapéutica de Porriño e o programa de Nigrán.

Desta forma, as persoas usuarias volveron a recibir as terapias en pequenos grupos despois dunha completa adaptación das instalacións do centro para cumprir os protocolos e aplicar as necesarias medidas de seguridade e protección fronte ao Covid-19.

Para garantir a seguridade das persoas usuarias, traballadoras e familiares, instaláronse en todas as aulas mamparas protectoras, que reducen as posibilidades de contaxio do coronavirus e outros axentes patóxenos de transmisión aérea, e alfombras de desinfección á entrada e á saída do centro. Ademais, realizaranse controis diarios de temperatura, os profesionais empregarán os equipos de protección recomendados polas autoridades sanitarias e empregarase xel hidroalcohólico.

Así, as persoas con demencia poderán retomar pouco a pouco as súas rutinas e recibir estimulación cognitiva e funcional, tan necesaria para ralentizar o deterioro. Os principais beneficios destas terapias son evitar a desconexión do entorno, aumentar a autoestima e a autonomía persoal, potenciar as capacidades mentais que conservan, evitar o estrés e mellorar a calidade de vida do enfermo e da súa familia.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAGA