FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

Abre un novo Centro Terapéutico de Marín xestionado por AFAPO

O Centro Terapéutico que abre hoxe as súas portas faino con todas as prazas cubertas. Concello e asociación AFAPO plantexan ampliar as prazas.

25/11/2019 | Marín

As instalacións de Briz acollen desde este luns o novo Centro Terapéutico para Persoas con Alzhéimer, de carácter público, gratuíto e compatible con calquera axuda. As concelleiras Marián Sanmartín e Cristiña Acuña visitaron durante a xornada de onte aos usuarios, en compañía do presidente da Asociación Afapo, José Manuel Fontenla, entidade que xestiona os talleres de memoria e psicomotricidade que se imparten no centro.

Tanto Afapo como o Concello están "encantados" pola boa acollida que tivo a iniciativa, que ten cubertas todas as prazas ofertadas, con dúas novas solicitudes aínda pendentes de valoración.

A apertura deste centro supón unha continuidade con respecto aos talleres de memoria que se ofrecen, tamén en Briz, a persoas xubiladas que están sas. "O centro é un paso máis, que está destinado a tratar a persoas que xa teñen a demencia diagnosticada", afirmou Fontenla.

Para o Concello de Marín, a valoración tamén é "moi positiva, porque sabemos que era unha necesidade e porque vemos que tanto os usuarios como as familias están encantadas", declarou Sanmartín. Esta boa acollida inicial pon encima da mesa a posibilidade de aumentar o número de grupos e sesións. "De momento, o centro ten actividade os luns e mércores de 11.00 a 13.00 horas, pero vista a demanda non se descarta a posibilidade de abrir novos grupos noutras quendas, como os martes e xoves, por exemplo", apuntou a concelleira.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAPO