FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

O Concello de Cedeira e AFAL impulsan terapias específicas para persoas con alzhéimer

As actividades, que se levan a cabo mediante exercicios prácticos e cun enfoque lúdico, celébranse os martes e os xoves de 18:00 a 20:00 horas

04/02/2020 | Cedeira

O concello de Cedeira e AFAL Ferrolterra únense para levar a cabo terapias específicas coas que tentar retardar o avance do alzhéimer e mellorar a calidade de vida das persoas veciñas afectadas, ofrecendo ao mesmo tempo un respiro familiar ás persoas coidadoras.

Estes obradoiros están dirixidos a persoas que se atopan nunha fase inicial ou moderada. Neles, persoal especializado leva a cabo diferentes terapias coa finalidade de activar, estimular e adestrar as diferentes capacidades e as funcións cognitivas das persoas asistentes (percepción, atención, razonamento, abstracción, memoria, linguaxe, procesos de orientación e praxias).

Os obxectivos principais están centrados no traballo das capacidades residuais da persoa para evitar a súa frustración, aumentando a súa autoestima e contribuíndo a poner freo ao avance da demencia.

As actividades, que se levan a cabo mediante exercicios prácticos a nivel individual e contan cun enfoque lúdico, celébranse os martes e os xoves de 18:00 a 20:00 horas na terceira pranta do Auditorio Municipal.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, visitou esta semana estes talleres acompañado polo presidente da asociación, Francisco Pantín, e aproveitou para animar ás familias coidadoras a interesarse por esta iniciativa. Ademais, tamén se recordou que a matrícula está aberta no Edificio Municipal de Servizos Sociais ou en AFAL.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAL Ferrolterra