FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Día Mundial 2020

O vindeiro sábado 19 de setembro terá lugar o acto central do Día Mundial do Alzhéimer 2020, que consistirá nunha exposición fotográfica na Praza da Quintana de Santiago de Compostela que ten por lema “Tecendo rede, tecendo recordos”.

A Federación Alzhéimer Galicia pon en marcha a campaña do Día Mundial do Alzhéimer baixo o lema “Tecendo rede, tecendo recordos”, unha frase que recolle o traballo que se fai dende a rede de asociación de alzhéimer de Galicia e que se intensificou aínda máis, se cabe, durante a pandemia da Covid-19.

Exposición fotográfica

O acto principal consistirá nunha exposición fotográfica que se poderá visitar o vindeiro sábado 19 de setembro na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, en horario de 09:30 a 14:30 horas. Esta exposición busca amosar o traballo diario e continuado que realizan as 15 asociacións galegas de alzhéimer para o mantemento e mellora da calidade de vida das persoas usuarias e as súas familias nesta situación excepcional.

Ademais da exposición, durante a mañá realizarase unha conexión con todas as asociacións galegas, rememorando as celebracións conxuntas de anos pasados, e onde se leran as reclamación da Federación para este ano.

#TecendoRecordos -  Participación en redes sociais. 

Se es un familiar, unha persoa coidadora ou simplemente estás interesadx en participar na campaña do Día Mundial deste ano tamén podes facelo. Propoñemos dúas formas diferentes:

  • A primeira delas consistiría en compartir unha foto dalgunha persoa con demencia da túa contorna realizando calquera exercicio ou actividade que axude a mellorar a súa vida diaria e que forme parte da súa rutina. Ademais, podes explicar por que esta actividade é boa para a persoa e como a axuda.
  • A segunda delas consistiría en imprimir o cartel que adxuntamos (podes atopalo na marxe dereita da noticia, no apartado de Materiais relacionados) e sacarte unha foto con el.

Unha vez que teñas as fotografías, podes compartilas nas túas redes sociais, engadindo o hashtag #TecendoRecordos para que xuntxs sigamos tecendo rede.

 

Financiamento: Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade. 
 
Período de execución: Ano 2020
 
Entidades membro que participaron: