Este ano 2023, a Federación Alzhéimer Galicia | FAGAL celebra o seu 25 Aniversario baixo o lema “PROTAGONISTAS” poñendo en valor ás persoas con demencia e ás súas persoas coidadoras, dándolles voz ás súas experiencias e reivindicacións.
A nosa loita por un diagnóstico precoz está creando un novo escenario de atención e intervención moi diferente ó de hai 25 anos. É necesario que este novo perfil, sexa máis visible para poder atender de maneira temperá a enfermidade e ralentizar o seu avance.
Nestes 25 anos de traxectoria, non queríamos esquecernos de agradecer a todas aquelas persoas, entidades e empresas que apoian a nosa labor e que co seu gran de area, se converten tamén en PROTAGONISTAS.
Para celebrar esta data tan sinalada temos organizadas diferentes actividades das que nos gustaría que tamén formásedes parte!
Persoas con demencia, coidadoras, investigadoras, profesionais da área socio-sanitaria, administracións públicas e entidades e empresas colaboradoras reuniranse o sábado 16 de Setembro ás 19:00h no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.
Todos celebraremos xuntos este Aniversario e coñeceremos os avances e logros que durante estes 25 anos de traxectoria se foron acadando.
Con motivo do 25 aniversario da Federación Alzhéimer Galicia, lánzase o Concurso de curtas Neurometraxes, unha oportunidade para dar cabida aos creadores audiovisuales que queiran participar neste proxecto.
A temática principal do concurso é “Alzhéimer e outras demencias”, o coñecemento e a desestigmatización é clave para informar á sociedade. Terase en conta o tratamento de temas como a interxeracionalidade, o idadismo, con romper etiquetas ou con lembranzas de todo tipo que queiramos preservar.
O prazo de inscrición remata o 31 de xullo de 2023 ás 12h do mediodía e os participantes poderán enviar a súa obra a través do correo electrónico comunicacion@fagal.org.
O veredicto do xurado darase a coñecer nas datas previas ao 21 de setembro, Día Mundial do alzhéimer e contará cun primeiro premio de 1.500€ e un segundo de 500€.
Morriña, nostalxia, añoranza… son palabras que describen un sentimento do pasado, cara unha lembranza que sentes, que te recrea e contribúe a serenar o teu estado de ánimo e eleva a túa autoestima, pero... que pasa cando xa non somos capaces de lembrar quen somos? Quen nos acompañan na vida diaria?
Por iso, dentro da iniciativa de concienciar á sociedade sobre a memoria e solidariedade coas persoas cunha demencia, a Federación Alzhéimer Galicia xunto con RENFE, creará un banco de recordos daquelas anécdotas que non che gustaría esquecer.
Recollidas as aportación serán publicadas en redes sociais e páxina web da Federación así como no mural que se elaborará para a Gala do 25 Aniversario de FAGAL. Esta iniciativa estará tamén en todas as estacións e trens rexionais de Galicia en setembro, o mes mundial do alzhéimer.