FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

A Federación Alzhéimer Galicia rende homenaxe ás persoas con demencia e ás súas familias polo Día Mundial do Alzhéimer

A Praza da Quintana acolleu, durante a mañá do sábado 19 de setembro, unha exposición fotográfica que amosa o traballo realizado pola rede formada polas quince asociacións de alzhéimer galegas

25/09/2020 | Santiago de Compostela

Con motivo da celebración do Día Mundial do Alzhéimer, a Federación Alzhéimer Galicia levou a cabo unha exposición fotográfica na Praza da Quintana. Baixo o nome ‘Tecendo rede, tecendo recordos’, búscabase e amosar o traballo realizado polas asociacións para que as persoas con demencia reciban os mellores coidados e tratamentos para mellorar as súas capacidades físicas e cognitivas.
 
Deste xeito, atopamos dende fotografías con distintos exercicios que melloran as habilidades da vida diaria (como abotoar unha camisa ou facer un tear), ata terapia asistida con animais, pasando tamén polo uso de novos elementos tecnolóxicos como tablets ou a realización de exercicios físicos.
 
A este evento asistiron diferentes autoridades políticas, como é o caso da Conselleira de Política Social, Fabiola García, o Director Xeral de Maiores e Discapacidade, Fernando González Abeijón, o Subdirector Xeral de Ordenación Asistencial e Innovación, Alfonso Alonso, e o alcalde da cidade de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, entre outros.
 
Con todos eles conversou Juan Carlos Ródriguez Bernárdez, presidente da Federación Alzhéimer Galicia, para amosarlles os problemas que afectan na actualidade ás persoas con demencia, ás súas familias e ós centros de día, xa que moitos deles seguen coas portas pechadas debido a crise sanitaria e as restriccións nas diferentes comarcas.
 
A exposición, que contou cunha gran acollida tanto por parte dos habitantes da cidade como polos peregrinos que percorrían as rúas, contou tamén cunha mesa informativa na que as persoas asistentes podían documentarse sobre a enfermidade, ademais de poder comprar diferentes libros (Recetas para el recuerdo, Cómo convivir con el alzhéimer). As persoas interesadas tamén podían escribir os seus mellores recordos, aqueles que non lles gustaría esquecer, e sumalos á nosa rede. Ademais, tamén puideron visualizar o vídeo realizado para a ocasión, que se pode ver tamén nas nosas redes sociais.
 
Por último, dende a Federación Alzhéimer Galicia queremos agradecer a súa colaboración a Cre Cotte, ao bar La Quintana, ao Coworking Campus Stellae e a Catedral de Santiago.

Arquivada en:
Que facemos? > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > Para a sociedade comprometida > Día Mundial 2022