FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

Afaga Alzheimer conta cun novo espazo exterior adecuado para axudar ás persoas usuarias na mellora de habilidades físicas, sociais e cognitivas

Esta semana inaugurouse o espazo habilitado polo Concello de Vigo. Unha axuda importante e máis aún en tempos de pandemia.

27/01/2021 | Vigo

“Este compromiso, que o Concello de Vigo adquiriu no seu día, hoxe é unha realidade que beneficiará a todos os usuarios do noso Centro Afaga Alzheimer e veciños; consideramos que é unha ferramenta importante para axudar a traballar a deterioración cognitiva e funcional das persoas con algún tipo de demencia”, declarou o presidente de Afaga Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez.

Unha gran satisfacción mostrou o presidente de Afaga Alzheimer, cara ao alcalde Abel Caballero polo acondicionamento desta contorna xa que “permitirá o desenvolvemento de actividades grupais e de xogos tradicionais, que será para o gozo de todo a veciñanza; converténdose nun espazo de encontro e achegamento a Afaga Alzheimer, cumprindo así o noso obxectivo de facer unha sociedade comprometida e inclusiva para as persoas coa enfermidade de Alzheimer e outras demencias”, afirmou Rodríguez.

Esta nova zona de esparexemento está emprazada fronte ás inmediacións do Centro de Atención Integral da asociación que está situado en Avenida de Emilio Martínez Garrido 21, foi inaugurada a mañá do 25 de xaneiro polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e os concelleiros de particiación cidadá e parques e xaríns.

Conta cunha zona de céspede, onde se poderán desenvolver actividades grupais; catro xardineiras, onde levará a cabo o taller de horticultura. Ademais, posúe espazos habilitados para o desenvolvemento de catro xogos tradicionais como a ra, a chave, os birlos e a petanca.

Esta nova contorna exterior servirá para mellorar as habildades físicas, social e cogntivias das persoas usuarias de Afaga Alzheimer. “Lembrar tempos pasados axuda a potenciar a memoria a longo prazo, os niveis sensorial, cognitivo e físico; deste xeito axuda a frear a deterioración cognitiva e funcional dos usuarios de Afaga nos talleres” explicou Jesús Andrea Reyes, terapeuta ocupacional de Afaga Alzheimer.

Mediante unha metodoloxía de programas ao aire libre, os diversos profesionais de Afaga Alzheimer están xa preparados para comezar as actividades neste novo espazo que ademais será unha zona de encontro e esparexemento para reunións e mesmo algún concerto nas cálidas tardes de verán.

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, con máis de vinte e cinco anos ao servizo, atende hoxe a máis de 700 persoas asociadas, das cales o 75% son mulleres, que están a cargo dos seus familiares próximos con e sen diagnóstico dalgún tipo de demencia, posúe unha ampla oferta de talleres distribuídos en 11 programas que levan a cabo na área sanitaria de Vigo.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAGA