FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

Éxito na charla “Coñecer mellor o alzhéimer”, primeira parte dos obradoiros DIVULGAMENTE impulsados por FAGAL e a Fundación Barrié

A charla, impartida por Carlos Spuch, realizouse a través de Zoom e asistiron case un centenar de alumnos e alumnas de catro centros educativos galegos

17/12/2020

O pasado 16 de decembro levouse a cabo a través de Zoom a charla “Coñecer mellor o Alzhéimer”, primeira parte da iniciativa interxeracional DIVULGAMENTE, promovida pola Fundación Barrié e pola Federación Alzhéimer Galicia e dirixida a catro centros educativos das localidades de Pontevedra e A Coruña.

Esta charla foi impartida por Carlos Spuch, neurocientífico e investigador senior do Instituto de investigación sanitaria Galicia Sur. Dunha forma dinámica e contextualizada no contexto sanitario actual, explicoulle ao alumnado participante que son as demencias, cal foi a súa evolución dende o seu descubrimento, por que se producen e cales son os tipos existentes, entre outros aspectos.

A charla foi celebrada a través de Zoom debido á situación sanitaria na que nos atopamos e reuníu a un total de 98 alumnos e alumnas dos centros educativos CPR Tomás Barros, CIFP Ánxel Casal e IES Monte das Moas, de A Coruña, e IES Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra.

Ademais, debido á boa acollida que tivo esta iniciativa, durante o mes de xaneiro celebrarase unha nova charla na que se tratarán os mesmos puntos e na que participarán novos centros educativos de Pontevedra, A Coruña e Viveiro.

Esta é a primeira parte do obradoiro DIVULGAMENTE, que se completará con dúas partes máis.  A primeira delas é Sensibilización na aula, consistente en que persoas profesionais da asociación de referencia acoden ao centro educativo para explicar as actividades que levan a cabo, mentres que a segunda é unha Visita virtual a un centro de alzhéimer a través dunha conexión telemática para coñecer de primeira man as actividades que se realizan nos centros de día.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > Federación Alzhéimer Galicia