FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

A Federación Alzhéimer Galicia asiste á entrega da Medalla de Ouro de Galicia ós profesionais sanitarios galegos

A celebración tivo lugar o venres 24 de xullo e serviu como homenaxe para os traballadores da sanidade que loitaron contra a COVID-19 durante os últimos meses

27/07/2020 | Santiago

O pasado venres 24 de xullo, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente da Federación Alzhéimer Galicia, asistiu ao evento no que se lle entregou a Medalla de Ouro de Galicia deste ano 2020 aos profesionais da sanidade galega implicados na atención aos pacientes afectados pola COVID-19.

O evento tivo lugar no Museo Centro Gaiás, situado na Cidade da Cultura de Santiago, e contou coa presencia de distintas personalidades do mundo da política, como é o caso do presidente en funcións da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, encargado de entregar o galardón xunto con María Ángeles Puga Salas e Laura Martínez, dúas das primeiras pacentes da COVID-19 en Galicia.

Este premio, que sirve para homenaxear á sanidade galega que se implicou o máximo posible nos pacientes con COVID-19 durante os últimos meses, foi recollido por dezaoito representantes do colectivo de profesionais do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), sendo o seu portavoz Manuel José Vázquez Lima, coordinador de Urxencias do Hospital do Salnés.

Nesta celebración tamén estiveron presentes Iker Sertucha e Carlos Fernández, Presidente e Secretario do CERMI Galicia respectivamente, e Eloína Ingerto, Presidenta de EAPN Galicia.

Fotografía (de esquerda a dereita): Iker Sertucha, Presidente de CERMI Galicia; Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente da Federación Alzhéimer Galicia; Alberto Núñez Feijóo, presidente en funcións da Xunta de Galicia e Carlos Fernández, Secretario de CERMI Galicia.

 

Arquivada en: