FAGAL propón avanzar no modelo de atención nos centros residenciais de persoas maiores
Ante a actual crise sanitaria provocada pola pandemia do COVID-19, FAGAL propón un sistema residencial orientado a pequenas comunidades nas que prime a rendibilidade social e a defensa dos dereitos das persoas atendidas
A actual crise sanitaria e social provocada pola pandemia do Coronavirus COVID-19 está a ten un importante impacto no colectivo dos nosos maiores. O impacto deste virus está a ter especial e preocupante incidencia nos centros residenciais de persoas maiores, onde a convivencia dun alto número de persoas sensibles a enfermar en espazos reducidos impide a aplicación efectiva das medidas de contención e prevención previstas polas diferentes administracións.
Ante esta situación a Federación Alzhéimer Galicia quere facer constar que esta situación demostra unha realidade da que xa vimos dando conta dende fai tempo: o actual modelo de atención residencial, baseado en grandes centros onde a atención baséase en servizos xeneralizados para todos os residentes, sen atender ás características e necesidades de cada persoa, é moi mellorable e non responde as necesidades da sociedade actual.
A suposta xestión eficiente de recursos que implica a concentración de persoas nestes centros choca de fronte cunha atención axeitada e coa capacidade de respostar a situacións de emerxencia sanitaria como a actual.
Por isto propoñemos un cambio do actual sistema residencial por un orientado a pequenas comunidades no que prime a rendibilidade social sobre a rendibilidade económica e baixo un modelo de atención centrada na persoa atendendo a valores como dignidade e defensa dos dereitos das persoas atendidas.
Os anos de experiencia da rede de asociacións que conforman esta federación avalan o modelo que propoñemos así como o noso compromiso e colaboración por crear unha sociedade responsable coas persoas maiores.
É por isto que, dende a nosa estrutura organizativa e de servizos, composta por máis de 300 profesionais do sector sociosanitario e distribuída por toda a xeografía galega, queremos facer patente a nosa disposición para loitar contra os efectos desta pandemia e axudar a crear un modelo de atención acorde coas necesidades das nosas persoas maiores e atendendo os valores dose dos seus dereitos.