FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

FAGAL e as entidades do CERMI reúnense coa Xunta de Galicia para falar sobre as súas necesidades

A reunión contou coa presencia de Alberto Núñez Feijóo e Fabiola García, á quen se lles transmitiu a necesidade de activar un Plan Autonómico de Atención ás Demencias

11/06/2020

O pasado 10 de xuño, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente da Federación Alzhéimer Galicia, estivo presente nunha reunión na que as entidades pertencentes a CERMI Galicia falaron co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e coa Conselleira de Política Social, Fabiola García, sobre as necesidades das entidades ante a pandemia do COVID-19.

Este encontro realizouse de maneira virtual e xirou sobre a situación creada por mor da crise sanitaria do COVID-19. Nesta liña, destacouse a importancia de reactivar os servizos das asociacións, para o que as distintas entidades necesitaban a garantía legal e o respaldo da Xunta de Galicia. Esta reactivación é de vital importancia para que as persoas usuarias das entidades galegas poidan volver ós seus exercicios e rutinas habituais e contaría con todas as medidas de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias para evitar posibles contaxios.

A creación e a posta en marcha dun Plan Autonómico de Atención ás Demencias para a atención ás persoas maiores de Galicia tamén foi un dos puntos expostos. A urxencia deste plan, agora máis que nunca, radica en que é imprescindible para seguir unha liña común de coidados ós nosos maiores, que ademais de ser un grupo vulnerable ante esta pandemia, viron un agravamento da súa situación debido a que as súas rutinas non se pudieron levar a cabo nos últimos meses. Ademais, na reunión tamén se tratou sobre o modelo actual das residencias na nosa comunidade.

Fotografía: Xunta de Galicia

 

Arquivada en: