FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

FAGAL asiste ao encontro protagonizado polo relator da ONU, Philip Alston, con EAPN-Galicia para coñecer a situación das persoas en risco de exclusión social

O encontro, organizado por EAPN Galicia e a Valedora do Pobo, contou coa presenza de Ramiro e Marisa: coidador e persoa con alzhéimer, respectivamente

28/01/2020 | Santiago de Compostela

A Federación Alzhéimer Galicia participou hoxe no encontro organizado por EAPN Galicia e a Valedora do Pobo con motivo da visita do relator da ONU, Philip Alston, a nosa comunidade.

A razón da visita non era outra que coñecer de primeira man as necesidades reais das persoas en risco de exclusión social para analizar a pobreza existente en España e recollelo nun informe que será exposto no mes de xuño en Xenebra (Suiza).

Alston destacou que "España é a quinta economía máis grande de Europa e, con todo, ten uns niveis de pobreza sorprendentemente altos. Isto expón verdadeiras preguntas sobre quen se beneficiou do recente crecemento e quen quedou atrás". Alston engadiu que "cómpre destacar que, máis dunha década despois da crise financeira, e tras unha impresionante recuperación económica, moitos dos indicadores de pobreza e desigualdade de España están moi por riba dos niveis anteriores á crise".

Neste encontro, a Federación Alzhéimer Galicia viuse representada polo matrimonio de Ramiro e Marisa, coidador e persoa con alzhéimer respectivamente, que afondaron na necesidade de detección precoz da enfermidade de Alzheimer e a repercusión que ten esta enfermidade nas familias coidadoras, especialmente no rural onde os servizos e recursos son moito máis escasos. Tamén centraron a súa intervención na lenta resposta da atención primaria despois de diagnosticar a enfermidade, debendo derivar dun xeito máis áxil os servizos de estimulación postos en marcha polas asociación galegas de alzhéimer. En palabras de Ramiro: “achégaste ás administracións para pedir unha axuda de dependencia e tardan 12 meses en darcha. No canto de axudarche é coma se te metesen nun forno para asarche”

Nesta mesma liña, e de xeito unánime, recalcouse o exceso cada vez maior, da burocracia administrativa que está dificultando, por un lado, o acceso aos recursos a persoas que o precisan, e por outro, aos profesionais da atención directa que se ven sobrecargados e obligados a limitar a atención directa ás persoas.

Philip Altson continuará a súa visita polas Comunidades Autónomas de Madrid, País Vasco, Estremadura, Andalucía e Cataluña ata o 7 de febrero para coñecer as diferentes realidades e avaliar globalmente a situación da pobreza no conxunto do Estado.

Arquivada en: