FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

A Federación Alzhéimer Galicia reúnese con diferentes formacións políticas para achegar a realidade do alzhéimer en Galicia

De cara ás eleccións autonómicas, as formacións BNG e Marea Galeguista quixeron coñecer o traballo realizado pola rede de asociación galegas de alzhéimer en todo o territorio

25/06/2020 | Santiago de Compostela

As dúas xuntanzas tiveron lugar o xoves 18, unha de forma presencial e outra virtual, cos representantes das formacións políticas do BNG e de Marea Galeguista.

En primer lugar, ás 11 de mañá visitou a sede de FAGAL a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, acompañada Goretti Sanmartín, portavoz da formación no Concello de Santiago e Monste Prado, membra da executiva nacional. As representantes políticas mantiveron unha reunión con Juan Carlos Rodríguez Bernárdez e Isabel Gey, presidente e vicepresidente respectivamente da Federación Alzhéimer Galicia.

En segundo lugar, pola tarde e vía online, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez e Javier Hermida Porto, presidente e coordinador da oficina técnica da Federación Alzhéimer Galicia, mantiveron unha reunión con Peque González, María Chao e Xan Sabarís, número 1 da provincia de Pontevedra, número 2 de A Coruña e responsable de prensa respectivamente de Marea Galeguista.

Ambas reunións xiraron entorno a coñecer a realidade das demencias na nosa comunidade e o labor que realiza a rede de asociacións galegas de alzhéimer que conforman FAGAL, que dan atención a máis do 70% da poboación de Galicia.

O presidente de FAGAL manifestou a necesidade de reforzar os servizos de atención especializada mediante o aumento das Unidades Terapéuticas para ofertar unha cobertura que chegue a cada comarca de Galicia facilitando así a detección precoz da enfermidade. Así mesmo, incidiron na necesaria implementación do Plan Transversal en Demencias na nosa comunidade, que axudará a marcar un modelo común de atención, entre outras moitas vantaxes.

A situación dos centros de día tamén foi un dos puntos principais, xa que é necesario que as persoas con demencia poidan volver a súa rutina e, desta forma, non se agrave máis a súa situación e as súas perdas cognitivas.

Arquivada en: