FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

A Federación Alzhéimer Galicia celebrará as súas XVIII Xornadas Interdisciplinarias o próximo 17 de outubro

Esta edición, que se celebrará de forma telemática e que contará coa presenza de España, Portugal, Irlanda e Francia, busca dar a coñecer as iniciativas de atención ás persoas con demencia xurdidas nos últimos meses

21/09/2020 | Santiago

O próximo 17 de outubro, a Federación Alzhéimer Galicia celebrará as súas XVIII Xornadas Interdisciplinarias. Nesta ocasión o evento celebrarase de xeito telemático e o tema central sobre o que xirará é o ‘Alzhéimer en tempos de COVID-19’, amosando as distintas medidas que xurdiron durante os últimos meses por mor da crise sanitaria.

As xornadas comezarán coa intervención das entidades de alzhéimer de España, Portugal, Irlanda e Francia, cuxos representantes amosarán como foron estes últimos meses en cada un dos seus países. Deste xeito, poderemos observar as principais liñas de traballo que se seguirán no futuro.

Deste apartado pasaremos a unha mesa redonda onde se falará da situación actual na que nos atopamos en Galicia. Participarán diferentes personalidades políticas, ademais da Xunta directiva da propia Federación Alzhéimer Galicia.

Tamén trataremos a experiencia das asociacións galegas de Alzhéimer, que poderán contar o seu punto de vista e o tratamento que levaron a cabo en cada unha delas para seguir brindando apoio e actividades ás súas persoas usuarias durante os meses de confinamento.

Debido a crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a realización destas xornadas celebrarase de xeito telemático, a través de Zoom.

O prazo de inscrición xa está aberto e estenderase ata o 8 de outubro. Haberá dúas modalidades de inscrición en función da situación de cada persoa. Para persoas estudantes e desempregadas o prezo é de 25€ e para público en xeral 50€ . A inscrición poderá realizarse a través da web propia das Xornadas. Podedes acceder a ela aquí. Nela atoparedes toda a información relativa ao evento.

Podedes descargar tanto o cartel das xornadas coma o programa das mesmas nesta mesma páxina, no apartado de 'Contidos relacionados'. 

Podéis descargar tanto el cartel de las jornadas como el programa de las mismas en esta misma página, en el apartado de 'Contenidos relacionados'. 

Arquivada en: