FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

Afal Ferrol realizou máis de 830 atencións a familias dende o inicio da crise sanitaria do COVID-19

A maioría dos servizos concentráronse en tarefas de seguemento a familiares, apoio psicolóxico e asesoramento en materia de estimulación cognitiva no domicilio

12/05/2020 | Ferrol

Ao activarse o estado de alarma pola crise sanitaria do COVID-19, Afal Ferrolterra poñía en marcha un servizo de segumento e apoio aos/as usuarios/as dos seus centros de día e terapias nos diferentes concellos (Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Pontedeume, Narón e Valdoviño) e ás súas familias. O seu obxectivo era claro: estar xunto ás familias para axudarlles a sobrelevar a situación de confinamento, ofrecéndolles asesoramento e apoio.
 
Así, entre os meses de marzo -segunda quincena- e abril, o equipo de Afal levou a cabo 837 atencións ás familias. Delas, a inmensa maioría concentrouse en 3 piares: seguemento a familiares -con 582-; asesoramento en materia de estimulación cognitiva nos domicilios -un total de 227-, e apoio psicolóxico -con 103-. Así mesmo, ofrecéronse outros recursos, como asesoramento en materia de recursos sociais -14 atencións neste capítulo-; préstamos de produtos de apoio e material didáctico -7-; asistencia técnica para adaptacións/modificacións no fogar -2-; servizo de neuroloxía -2- e servizo terapéutico de estimulación cognitiva no domicilio-3-, entre outras.
 
Neste contexto, Afal mantén dende o principio unha estreita relación de colaboración cos servizos de emerxencia dos concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño e, así, en caso de ser necesario, fai chegar a axuda aos domicilios a través das redes de apoio, agrupacións de Protección Civil e voluntariado dos concellos. Precisamente, moitas das nosas traballadoras inscribíronse como voluntarias nestes equipos que coordinan os concellos.
 

A través das redes sociais

Así mesmo, cada día de luns a domingo e a través das redes sociais, Afal Ferrolterra ofrece ás familias sinxelos exercicios de estimulación
cognitiva para que realicen nos seus domicilios. Retos que as familias están realizando con éxito e compartindo a través da páxina de
Facebook da asociación. Unha páxina que puntualmente segue ofrecendo información sobre a actividade dos seus usuarios/as, agora na casa; artigos de opinión dos seus traballadores/as ou outros contidos de interese.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAGA