FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

O Concello de Viveiro cede un inmoble a AFA Viveiro para impartir as súas actividades

Este novo espazo, que debe reformarse, conta cunha gran amplitude que permitirá crear diferentes aulas, boa accesibilidade e saída a un xardín

23/11/2020 | Viveiro

O pasado 3 de novembro, o Concello de Viveiro cedeu un novo local a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e Outras Demencias de Viveiro. Este espazo, cuxa cesión se aprobou nun acordo plenario con unanimidade por parte de todos os grupos políticos do Concello, servirá para que AFA Viveiro poidan impartir as súas actividades.

É un espazo situado no casco histórico do municipio e conta cunha gran amplitude, permitindo a creación de diferentes aulas. Tamén ten unha boa accesibilidade para as persoas usuarias e as súas familias, saída a un xardín e unha gran luminosidade. Polo momento, necesita que se leven a cabo reformas, polo que a asociación se compromete a realizar as modificacións necesarias para a adecuación do local.

Coa cesión deste novo inmoble, AFA Viveiro poderá abarcar máis demandas da poboación e atender a máis persoas usuarias e familias, xa que terán un espazo de traballo máis amplo que permitirá impartir diferentes talleres que se ofertan ao mesmo tempo en distintas aulas. Deste xeito, ofreceranse servizos que xa se imparten a día de hoxe (como o taller de estimulación cognitiva, o de envellecemento activo, o programa de estimulación cognitiva a domicilio, apoio psicolóxico, información e asesoramento a persoas usuarias e familias, formacións e charlas, ademais de grupos de auto-axuda e terapias familiares, entre outros).

Con este novo proxecto poderán abarcar un equipo de persoas traballadoras máis amplo e especializado, crear unha sala de fisioterapia e un servizo de podoloxía, entre outros. Todas estas alternativas terán o mesmo obxectivo: mellorar a calidade de vida das persoas afectadas polo alzhéimer e outras demencias e das súas familias.

Fotografía: La voz de Galicia

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFA Viveiro