No novo centro de atención ás demencias de Afaga Alzhéimer, o seu presidente, Juan Carlos Rodríguez, recibiu a visita da alcaldesa Loli Castiñeira e da concelleira Gela Roche
O obxectivo do centro é desenvolver un amplo abanico de actividades e ofertar servizos para todas as persoas usuarias diagnosticadas con algún tipo de demencia neurodexenerativa.
No novo centro terapéutico Afaga Alzhéimer situado en Salceda de Caselas, Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga Alzhéimer, recibiu a visita da alcaldesa, Loli Castiñeira e a concelleira de benestar social Gela Roche.
Tras un percorrido polas novas instalacións, financiadas polo concello e a deputación de Pontevedra, situadas na antiga escola de Vendanova, Juan Carlos Rodríguez, explicou os talleres dirixidos a toda a veciñanza e persoas usuarias con diagnóstico de alzhéimer ou outro tipo de demencia neurodegenerativa e tamén para os seus familiares-coidadoras, que alí se realizarán.
O obxectivo é desenvolver unha ampla estrutura de actividades, ofertar servizos de información, formación, asesoramento legal, asistencia persoal, apoio psicolóxico e terapéutico, afirmou o presidente de Afaga Alzhéimer, quen destacou os concorridos talleres de prevención da deterioración cognitiva como o CultivaMente que se ofertarán a partir do marzo.
O novo centro terapéutico de Afaga Alzhéimer Salceda de Caselas, conta con magníficas instalacións. No seu amplo patio exterior emprázase unha zona de horto e dous espazos cubertos para gardar o material e realizar actividades; no seu interior ten calefacción, internet, e sitio suficientemente adecuado para levar a cabo as actividades coa máxima seguridade fronte ao Covid-19.
A Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia, con máis de vinte e cinco anos ao servizo, atende hoxe a máis de 700 persoas usuarias asociadas, das cales o 75% son mulleres, que están a cargo dos seus familaires con e sen diagnóstico dalgún tipo de demencia, posúe unha ampla oferta de talleres en máis de 11 puntos distribuídos na zona sur da Provincia de Pontevedra.