Noticias
Afal Ferrolterra retoma en maio o seu programa de formación para familias e coidadores de persoas con alzhéimer e outras demencias
As accións formativas, de caracter gratuito, desenvolveranse telemáticamente desde o luns 3 ao venres 7 de maio en horario de 12:00 - 13:00 h
27/04/2021 | Ferrol
A asociación Afal Ferrolterra abre o prazo para participar nos cursos de formación sobre demencias que organiza para persoas coidadoras e familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias.
As accións formativas, organizadas coa colaboración dos concellos e centros de saúde das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, desenvolveranse en modalidade en liña ou webinar a través da plataforma Meet Google e terán unha duración dunha semana, do luns 3 ao venres 7 de maio, de 12.00 a 13.00 horas.Ademais, serán totalmente gratuítas.
Para participar é necesario inscribirse chamando ao teléfono 981 370 692 (de luns a venres, de 9.00 a 19.00 horas) ou por correo electrónico (afalferrolterra@afalferrolterra.com). Unha vez rexistradas, as persoas interesadas recibirán unha ligazón para acceder ás videoconferencias programadas.
“Aprendizaxe de convivencia coa demencia” é o título dun programa formativo que AFAL Ferrolterra está a desenvolver desde 2020 co obxectivo de proporcionar ás persoas coidadoras “todas as medidas preventivas fronte á chamada Síndrome do Coidador, ofrecendo uns coidados óptimos ao enfermo pero sen perder en ningún momento a propia calidade de vida”. Trátase, en definitiva, de abordar contidos de interese tanto para os coidadores principais como para outras persoas que atenden á persoa con demencia de maneira ocasional.
Así mesmo, informarase sobre a enfermidade en si mesma (e sobre outras demencias), sobre a súa evolución e sobre aquelas cuestións que se deben de ter en conta para uns coidados adecuados. Pero tamén se tratará de axudar aos coidadores para xestionar a situación sen que iso incida de forma negativa na súa propia vida e no seu futuro.
Para conseguilo, nos cursos abordaranse os seguintes temas:
. Demencias_ Definición, causas de sospeita, tipos de demencia, prevención, demencia pre-senil e senil, fases da demencia e tratamentos.
. Tratamento non farmacolóxico e comunicación_ Intervención non farmacolóxica, obxectivos, metodoloxía, comunicación ao longo da enfermidade (características) e actitudes positivas que debe adoptar o coidador.
. Coidando ao coidador_ Rol do coidador principal, problemática exposta, fases da Síndrome do coidador, signos de alerta, pensamentos automáticos e recursos para manexalos, o illamento, insomnio e problemas físicos, ansiedade, depresión e sentimentos do coidador.
. Saber convivir coa demencia_ Alteracións de conduta durante a noite, alteracións de conduta durante o día, actitudes por parte do coidador para previr, actitudes que poden atenuar as alteracións de conduta, alimentación, aseo, consellos e mensaxes ao coidador.
. Saber vivir, saber envellecer.
Máis información no teléfono 981 370 692 ou no correo electrónico afalferrolterra@afalferrolterra.com
Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAL Ferrolterra