FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

AGADEA convoca a II edición do premio 'SIMBAD PARA O RECORDO E O ALZHÉIMER' coa vontade de promover a comprensión da doenza entre o público infantil

Dotado con 3000€, está aberto a textos orixinais e inéditos, escritos en lingua galega que poderán presentarse dende hoxe ata o día 1 de xullo. 

30/01/2023 | Santiago de Compostela

O secretario xeral de Política Ligüística, Valentín García, xunto o director xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro e a presidenta de AGADEA ALZHEIMER presentaron hoxe en Santiago de Compostela a II edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, ante un auditorio formado literatos e familias da entidade.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou "a importancia de fomentar a literatura en lingua galega como un medio para dar visibilidade ás doenzas que implican unha deterioración cognitiva ou perda da memoria, como é o caso do alzheimer".

Ao mesmo tempo considerou que este proxecto “vai máis alá do cultural,  é unha categoría social xa que profundiza e pon sobre a mesa unha cuestión que forma parte da vida”.

Pola súa banda o escritor e director xeral de Galaxia, Francisco Castro, constatou que hai moito interese neste premio e apuntou que “o importante dos premios e que teñan continuidade”

Precisamente este certame enraíza no xénero infantil a través da obra Chamáde Simbad, de Francisco Castro, quen é o padriño de honra deste premio.

A presidenta de AGADEA, Isabel Gey explicou a importancia de ter textos en galego cos que poder explicarlle á cativada “como esa persoa que coñecía xa non é a de sempre”.

 

Lembramos que este certame nace a partir da idea da escritora Ánxela Gracián, quen considera que “a palabra literaria é un dos modos máis directos e claros de establecer uns vínculos necesarios entre nenez e vellez, creando complicidades comprensivas que axuden aos doentes a sobrelevar a enfermidade e aos nenos e nenas a comprendela”.

Gañadora da I Edición

A escritora Raquel Castro resultou gañadora da primeira edición coa obra” Sobremesa sobre Versos” na que destaca “a sutilidade e eficacia no tratamento do tema do Alzhéimer.  Así mesmo, o xurado puxo en valor a calidade dun segundo texto titulado 'Cando o avó esqueceu o seu nome', ao que se lle outorgou un accésit, e que recaeu na escritora santiaguesa, Rosalía Morlán.

Bases do premio 2023

O prazo de presentación de solicitudes iniciase hoxe 26 de xaneiro e finalizará o día 1 de xullo de 2023. A este certame poderanse presentar todos aqueles textos orixinais e inéditos pertencentes a calquera dos xéneros propios da literatura infantil dende novela, poesía, teatro, álbum ilustrado, banda deseñada e novela gráfica, escritos en lingua galega.

O xurado, formado por profesionais do eido literario, darán a coñecer o seu veredito en setembro, con motivo do Mes do Alzhéimer.  O galardón está dotado con 3000 €.

AGADEA anunciou que comprará 100 exemplares, para a axuda á edición, que queda aberta a calquera editorial.

As bases do premio están dispoñibles na páxina web de AGADEA www.agadea.org, así como noutras plataformas habituais de referencia de premios.

AGADEA conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, así como co apoio das respectiva concellerías de Servizos Sociais e Educación dos concellos de Santiago de Compostela, A Estrada, Ribeira, Vedra, Trazo, Boiro, Cuntis e Teo, poboacións onde AGADEA presta os seus servizos.

 

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AGADEA