FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

A Federación Alzhéimer Galicia desenvolve as súas XXI Xornadas Interdisciplinarias o sábado 15 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela

Seguido a temática de celebración do 25 Aniversario da federación, as xornadas porán o foco na participación das persoas cunha demencia neurodexenerativa

 

09/03/2023 | Santiago de Compostela

Este ano, aproveitando a celebración do  25 aniversario de FAGAL, a federación quere dar voz no seu evento formativo anual máis importante ás persoas nas que centra a súa misión.

Así pois partindo do fío condutor do lema de aniversario “Protagonistas” as xornadas deste ano estrutúranse en tres bloques diferenciados que irán dende a voz das propias persoas cunha demencia ás experiencias para mellorar a súa calidade de vida, para rematar, como todos os anos, cun evento de expresión e artística e cultural visto dende a perspectiva sociosanitaria.

O  primeiro bloque, composto por persoas cun diagnóstico de demencia e unha persoa coidadora, abrirase coa participación de Kevin Quaid, de Alzhéimer Irlanda e membro do Grupo Europeo de persoas con demencia, que falará do funcionamento deste grupo de traballo dependente da entidade Alzhéimer Europe e do que logo naceu o Panel de Expertos de Persoas con Alzhéimer – PEPA-  pertencente á Confederación Española de Alzhéimer -CEAFA.

De seguido, unha segunda mesa estará composta por Ildefonso Fernández, membro do PEPA e por Lolis e Toño -persoa con demencia e o seu coidador principal- ambos de Galicia. Nela abordarase a experiencia e traballo do grupo de CEAFA contada por un dos seus membros e os relatores galegos presentarán, partindo da súa vivencia, a necesidade de normalizar e dar voz ás propias persoas diagnosticadas.

O segundo bloque constará dunha mesa de experiencias de boas prácticas composta por Maite Pozo, encargada do programa Localidades Solidarias do IMSERSO, Jesús Oitavén, Director Xeral de Simplifación administrativa  e responsable da iniciativa Canle+65 da Xunta de Galicia, a Dra. María José Moreno neuróloga da Unidade de demencias da Área Sanitaria de Vigo e Roberto Suárez, da Confederación Andaluza de Alzhéimer e responsable do proxecto Espacio Alzhéimer Andalucía desenvuelto coa Junta de Andalucía.

 

Para finalizar, o acto de clausura correrá a cargo de Laura Martínez, educadora social e danza-movemento terapeuta que, de forma dinámica e activa mostrará a importancia da música na expresión corporal e os beneficios da mesma na estimulación terapéutica de persoas cunha demencia.

 

Todas estas persoas desenvolven iniciativas que melloran a calidade de vida das persoas cunha demencia e ás súas familias, todas elas son PROTAGONISTAS DO ALZHÉIMER

 

A Federación Alzhéimer Galicia organiza cada ano as Xornadas Interdisciplinarias, recoñecidas de interese sanitario, grazas ó apoio das Consellerías de Sanidade e Política Social da Xunta de Galicia, a Deputación de A Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición estára aberto ata o día 9 de abril de 2023. Para ver o programa e inscricións prema na seguinte ligazón: INSCRICIÓN

 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Inventario de recursos > > Federación Alzhéimer Galicia