Reivindicacións

  • O alzhéimer e as demencias neurodexenerativas teñen que ser consideradas polo Servizo Galego de Saúde como prioridade de saúde pública, tal e como o recoñece a OMS no seu informe “Demencia: una prioridad de salud pública”, publicado no ano 2012.

  • Poñer en marcha unha estratexia específica para coidadores/as familiares, que inclúa programas de igualdade que permita a conciliación ante os coidados dunha persoa cunha demencia neurodexenerativa.

  • Impulsar a creación de Unidades de Demencias nos centros hospitalarios públicos da comunidade galega, co obxectivo de brindarlles unha mellor atención ás persoas afectadas pola doenza e adecuando os espazos e os tempos en casos de ingresos hospitalarios.

  • Afianzar e desenvolver centros de día e residenciais específicos en demencias, así como centros de curta es- tancia e centros de noite, adecuando o custo á situación económica do núcleo familiar, non da persoa con demencia. Ademais é preciso incluir axudas para proporcionar toda a atención domiciliaria necesaria, co fin de evitar o coidado domiciliario deficiente.

  • Poñer en marcha recursos específicos para o ámbito rural, creando unidades de media estancia e programas de prevención e detección precoz das demencias neurodexenerativas.

  • Promover un protocolo en Atención Primaria de detección do deterioro cognitivo e de seguemento clínico, así como sistemas fluidos e eficientes de comunicación e coordinación cos elementos dos outros niveis asistenciais que se adican ás demencias.

  • Impulsar programas de sensibilización interxeracional, que permita mostrar á xente nova a realidade das demencias, a importancia dun reparto equilibrado do coidado das persoas cunha demencia e reforzar a solidariedade entre os/as compoñentes das familias.

  • Recoñecer e cualificar cun grao de discapacidade do 33% ás persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas no momento do diagnóstico.

  • Realizar con urxencia un estudo da situación real do alzhéimer e as demencias neurodexenerativas en Galicia, creando un mapa que permita coñecer o impacto da doenza nas diferentes áreas da nosa comunidade.

  • Resulta primordial impulsar a investigación de estratexias e novos recursos sociais, e apoiar a investigación básica sobre demencias. É preciso priorizar a investigación traslacional, os proxectos nos que o resultado podería ter consecuencias a curto plazo na práctica clínica e potenciar a transferencia de coñecemento a través da colaboración entre asociacións, centros de investigación e outras entidades.