FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Tipos

As demencias pódense clasificar segundo varios criterios: 

I. Segundo a causa: Primarias, cando a causa é descoñecida; secundarias, cando aparece a consecuencia doutro trastorno principal e mixtas, cando se solapan ámbalas dúas.

II. A idade de inicio. Presenil ou temperá, cando aparecen antes dos 65 anos ou senil ou tardía, cando se manifestan despois dos 65 anos.

III. Reversibles ou irreversibles. 

IV. Localización do dano no cerebro. Demencia cortical, o dano cerebral atópase na capa exterior e afecta a linguaxe, comportamento, memoria, etc…  e demencia subcortical, afecta as áreas que están por debaixo da cortiza cerebral.

1. Demencia vascular

A demencia de tipo vascular é o segundo grupo de demencias máis frecuente despois da enfermidade de Alzheimer. 

A demencia vascular refírese á perda progresiva de funcións cognitivas causadas por unha lesión vascular ou enfermidade no cerebro. As persoas afectadas cunha demencia vascular presentan dificultade na planificación e acción de tarefas complexas e actividades da vida diaria. Nesta demencia as dificultades cognitivas poden coexistir con signos físicos ou neurolóxicos, como dificultades da marcha, parálise dun lado do corpo ou limitación do campo visual. A memoria vese preservada a diferencia con outro tipo de demencias. Outros síntomas poden ser a falta de iniciativa ou apatía o que pode confundirse cunha depresión.

As claves para diferenciar este tipo de demencia dunha dexenerativa poden incluír un inicio brusco, evolución flutuante, síntomas neurolóxicos focais e presenza de factores de risco vasculares. O signo máis importante é a hipertensión, aínda que non hai que pasar por alto a diabetes mellitus, o tabaquismo e a obesidade. Este tipo de demencia é máis doado que se produza a partir dos 70 anos.

2. Enfermidade de Corpos de Lewy

A demencia con Corpos de Lewy é unha enfermidade neurodexenerativa primaria, a segunda máis predominante despois da enfermidade de Alzhéimer. A súa característica principal é a acumulación de estruturas anormais, chamadas corpos de Lewy, en certas áreas do cerebro. Os síntomas presentes nesta enfermidade son perda de memoria, alteración condutual, alucinacións moi vividas, tremores e rixidez muscular.

É unha demencia difícil de diagnosticar debido a súa similitude coa enfermidade de Parkinson e a enfermidade de Alzhéimer.

A idade de aparición é entre os 50 e os 85 anos. Descoñécese a súa orixe. A día de hoxe non ten cura e os seus tratamentos están enfocados a nivel farmacolóxico, a mellora dos síntomas; e a nivel non farmacolóxico, enfocados en retardar o avance, estimular e mellorar a calidade de vida da persoa afectada. 

3. Demencia fronto-temporal

A demencia fronto-temporal defínese como unha enfermidade neurodexenerativa, caracterizada por un cambio progresivo na personalidade e no comportamento e/ou unha alteración temperá e progresiva da linguaxe, na que a memoria e as capacidades visuoespaciais están relativamente preservadas nos estadios iniciais. Considérase a segunda causa de demencia máis frecuente en menores de 65 anos despois do Alzhéimer.

Descoñécese a súa orixe. A día de hoxe non ten cura e os seus tratamentos están enfocados a nivel farmacolóxico, a mellora dos síntomas; e a nivel non farmacolóxico, enfocados en retardar o avance, estimular e mellorar a calidade de vida da persoa afectada.

4. Enfermidade de Huntington

A primeira persoa en describir esta enfermidade foi George Huntington en 1872. Durante moito tempo foi coñecida como corea de Huntington debido a que unha das principais características clínicas desta enfermidade é o movemento involuntario (coreoatetosis). Esta enfermidade é hereditaria e provoca un desgaste de algunhas células nerviosas do cerebro. Os síntomas iniciais de esta enfermidade poden incluír movementos descontrolados, torpeza, problemas de equilibrio  problemas de atención e alteración da memoria.

As persoas con esta enfermidade nacen co xen pero os síntomas comezan a manifestarse entre os 30 e os 40 anos. A día de hoxe non ten cura e os seus tratamentos están enfocados a nivel farmacolóxico, a mellora dos síntomas; e a nivel non farmacolóxico, enfocados en retardar o avance, estimular e mellorar a calidade de vida da persoa afectada.

      Imprimir