FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

AFAL Ferrolterra celebra o Día Mundial do Alzhéimer cunha andaina e unha carreira solidaria

A entidade ferrolá programa un mes de actividades para concienciar sobre a enfermidade, que se estima afecta a 4.000 familias na comarca de Ferrol.
 

09/09/2019

AFAL Ferrolterra vén de presentar o programa de actividades que está a organizar a entidade para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer, que este ano se convoca baixo o lema “A memoria nos Camiños”.
Na presentación celebrada a principios de mes na casa consistorial de Ferrol participaron a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero; a directora asistencial de Afal, Noelia Ríos; e o presidente da entidade, Francisco Pantín, quen reivindicou que esta enfermidade sexa “unha prioridade de saúde pública, tanto na protección das persoas afectadas como obtendo un recoñecemento público da figura do Coidador Familiar”.
 
Pantín recordou que cando hai un diagnóstico de alzhéimer, automaticamente hai dous enfermos: o que padece a enfermidade e o coidador, e é obxectivo de AFAL dar unha resposta a ambos e tamén achegar á sociedade unha problemática que afecta en Galicia a unas 100.000 persoas, das que 4.000 estarían na nosa comarca. Son 4.000 familias que afrontan, dixo o presidente da entidade, “un camiño moi duro”, no que AFAL Ferrolterra está “axudando dende hai 22 anos”.
 
A directora asistencial da entidade, Noelia Ríos, foi a encargada de detallar as propostas planteadas para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer, que
se celebra o 21 de setembro e que este ano fai un guiño ao Xacobeo 2021, no que AFAL Ferrolterra valerase del para darlle visibilidade á enfermidade.
Así, usuarios dos centros realizarán parte desta ruta e decorarán un mural que se colocará no punto de saída do Camiño Inglés. Preténdese así concienciar sobre o alzhéimer e incentivar a participación nun concurso que promove a Federación Alzhéimer Galicia (Fagal).
 
A concelleira de Benestar Social de Ferrol, Eva Martínez Montero, agradeceu o traballo que realiza AFAL dende fai máis de 22 anos e avanzou que o seu departamento está a traballar coa entidade para organizar conxuntamente accións que permitan unha mellor atención nas primeiras fases da enfermidade en Ferrol, unha cidade especialmente envellecida.
Ademais, trasladou o apoio do Concello de Ferrol ás actividades programadas por AFAL para esta xornada e celebrou, tamén como edil de Patrimonio Histórico, o guiño que se fai ao Camiño Inglés.
 

PROGRAMACIÓN

A programación incorpora como novidade a celebración, no mesmo Día Mundial, da I Carreira do Alzhéimer, que partirá ás 18:00 horas do Cantón de Molíns.
Ademais, celebrarase nesa mesma xornada, ás 12:00 horas, a II Andaina solidaria, que terá o mesmo punto de saída. Ambas actividades, que terán lugar o 21 de setembro, contarán con música en directo de Nuevo Plan e da agrupación de música tradicional Amigos de Oleiros.
 
A inscrición na Carreira e na Andaina xa está aberta na asociación (rúa Río Castro, 43-45 baixo Ferrol ou na plataforma www.ranckr.com) e pecharase o 19
de setembro. O custe de inscrición é de 10 e 5 euros, respectivamente, se ben sendas actividades son gratuítas para menores de 12 anos. Ademais, existe un
dorsal solidario dirixido ás persoas interesadas en contribuír á loita contra o alzhéimer pero que non queren participar na carreira ou na andaina.
 
Ao longo de todo o día, AFAL estará no Cantón para informar ás persoas interesadas sobre o alzhéimer e outras demencias e tamén porá a disposición do público un mercadillo benéfico, no que se mostrarán os traballos que realizaron os usuarios e usuarias nos seus talleres.
 
O mesmo día 21, ás 20:30 horas, iluminarase de cor lila, a cor do alzhéimer, a casa consistorial de Ferrol para sensibilizar respecto da enfermidade.
A programación contempla tamén cuestacións en beneficio de AFAL os días 6 de setembro en Alcampo, o 19 de setembro en centros hospitalarios e o día 20
nas rúas de Ferrol. O horario será de 10:00 a 14:00 horas.
 
Os días 6 e 20 de setembro terán lugar sendas charlas. A do día 6 será impartida polas neurólogas Mercedes Macías e Esther Suárez, que farán unha
aproximación clínica á enfermidade do alzhéimer no Centro de Día de Afal, a partir das 16:00 horas. A do día 20, que se celebrará na mesma hora e lugar,
correrá a cargo do inspector Javier Seijas Balseiro, que falará sobre Seguridade e Maiores, informando sobre un dispositivo que permite telos localizados e que axuda a evitar os riscos derivados da desorientación. En ambos casos, as actividades son de balde.
 
O programa de actividades de AFAL Ferrolterra en conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer remata o 27 de setembro coa Cea Solidaria en beneficio
de AFAL, que este ano se celebra a partires das 21:30 horas no Hotel Valcarce.
A directora asistencial da entidade invitou tamén á cidadanía a participar, o 14 de setembro, na Andaina Solidaria de FAGAL, que se celebrará a partir das 11:00 horas en Santiago de Compostela.
 

FESTAS ANIVERSARIO

Coincidindo co mes do alzhéimer, AFAL Ferrolterra celebra o seu aniversario con dúas festas que terán lugar Coincidindo co mes do alzhéimer, AFAL Ferrolterra celebra o seu aniversario con dúas festas que terán lugar os días 12 e 13 de setembro. A primeira será no Centro da Rede Pública Alzhéimer (antiga Casa do Mar) a partir das 16:00 horas e a segunda no Centro de Día AFAL a partir das 17:00 horas. A entidade convidará ás familias dos usuarios e usuarias, que poderán participar nunha morea de actividades.
 

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAL Ferrolterra