FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Axenda de Actividades

A Real Filharmonía de Galicia busca visibilizar a AGADEA nun concerto

O evento musical terá lugar este sábado 18 de xaneiro no Auditorio de Galicia e as entradas costarán 5€

15/01/2020 | Santiago de Compostela

O próximo sábado 18 de xaneiro a Real Filharmonía de Galicia levará a cabo un concerto co que buscará visibilizar o traballo que se desenvolve dende Agadea (asociación sen ánimo de lucro constituída en 1994 que busca respostas, compromisos, apoios e recursos para as persoas con alzhéimer).

Este evento musical atópase enmarcado dentro do proxecto RFG, unha iniciativa que a través da música busca a colaboración con varias ONGs galegas e da cidade de Santiago de Compostela que loitan por diferentes causas.

A cita terá lugar ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG. Alí, os máis pequenos e as súas familias poderán gozar co Romeo e Xulieta de Shakespeare e música de Serguéi Prokófiev, ademais dos monicreques da compañía Per Poc.

As entradas terán un coste de 5€, aínda que no despacho de billetes do Teatro Principal ou do Auditorio de Galicia tamén se pode adquirir un bono familiar de 15€ (catro entradas polo prezo de tres).

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AGADEA