FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Axenda de Actividades

FAGAL asiste a unha xornada sobre a loita contra a aporofobia organizada por EAPN Galicia e a EGAP

A xornada, que se celebrou o Día Mundial da Xustiza Social, buscaba evitar e previr situación de discriminación cara persoas que se atopan en situación de pobreza e discriminación social

 

26/02/2020 | Santiago de Compostela

O pasado 20 de febreiro, Día Mundial da Xustiza Social, a Federación Alzhéimer Galicia asistiu á xornada “Como loitar contra a aporofobia, o odio e a desinformación dende a Administración Pública e ONG?”, organizada por EAPN Galicia e celebrada na Escola Galega de Administración Pública. Ademais de estar presentes na Conferencia, FAGAL tamén colaborou na campaña levada a cabo en redes baixo o hashtag #ContrAporofobia.

A xornada estaba destinada ao persoal das Administracións Públicas de ámbito galego, autonómico ou local e a persoas traballadoras ou voluntarias das organización sociais e de cooperación. O obxectivo principal consistía en evitar e previr situacións de discriminación e aporofobia debido aos prexuizos que poden darse na Administración. Buscouse, deste xeito, fortalecer o compromiso ético cos dereitos das persoas que se atopan en situación de pobreza e/ou exclusión social. Ademais, tamén se falou dos recursos dispoñibles para a atención ás vítimas, destacando as sete Oficinas presentes nos xulgados de A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

O día comezou cunha breve benvida e un acto institucional, ao que seguiron as ponencias de Sara Mesa (autora do libro Silencio administrativo), Natalia Monje (Programa CibeRespect) e María Paz Gutiérrez (coordinadora galega de ONGD), entre outras expertas. Ademais, tamén se celebrou unha mesa redonda con Ana Escrigas (Saúde Mental – FEAFES Galicia), Alba Iglesias (Federación Down Galicia) e Irene Jiménez (Fundación Secretariado Xitano) baixo o título “Diferentes colectivos, mesma discriminación. Comunicando a defensa dos dereitos sociais”.

Ademais de asistir a xornada, a Federación Alzhéimer Galicia tamén se uniu ao movemento #ContrAporofobia levado a cabo dende as redes sociais. O obxectivo desta campaña consistía en romper cos estereotipos establecidos sobre as persoas en situación de exclusión social. Para elo, as asociacións e federacións membras de EAPN Galicia deixaron de lado as características de cada unha e uníronse na mesma causa común: realizaron publicación nas que se buscaba romper con esas crenzas.

Arquivada en: