FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Axenda de Actividades

Afaber celebra 20 anos traballando en prol das persoas con alzhéimer e as súas familias

A asociación traballa na organización de actividades para conmemorar o seu 20 aniversario, tendo en conta as limitacións do momento

01/03/2021 | Carballo

Neste 2021 cumprense 20 anos nos que a ASOC. DE FAMILIARS DE ALZHÉIMER E OUTRAS DEMENCIAS (AFABER) traballa por mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por unha demencia e das súas familias e sendo entidade referencia na atención as demencias na comarca de Bergantiños.

Para falar do comezo e evolución de AFABER hai que remontarse ao ano 1998. Data na cal se puxo en marcha un grupo de apoio dende os Servizos Sociais do Concello de Carballo en colaboración cunha asociación da Coruña. Neste grupo de apoio os familiares de persoas con alzhéimer atoparon un punto de reunión no cal desafogarse e buscar solucións a moitos problemas comúns que presentaban no seu entorno familiar.

É no ano 2001, cando AFABER se constitúe como asociación propiamente dita, a partires do grupo de apoio antes mencionado. Unha vez analizado o bo funcionamento do grupo e a elevada cohesión existente entre os seus membros, decidiuse poñer en marcha esta iniciativa, coa que se pretendía dotar as persoas socias existentes, e ao resto da poboación que así o demandara, dunha serie de recursos e servizos que posibilitaran unha mellora na súa calidade de vida.

AFABER, constitúese entón como a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños destinada a proporcionar información e asesoramento a toda a poboación en xeral, e aos familiares en particular, sobre calquera aspecto social, médico e educativo, que se poida presentar no desenvolvemento da enfermidade do Alzhéimer.

Conscientes da situación sanitaria que estamos a vivir, dende AFABER esperamos poder realizar algún acto conmemorativo deste aniversario. Por iso a directiva, dixirida por Jesús Villar, xa empezou a preparar e organizar diferentes materiais co fin de visibilizar este ano tan especial.

Para máis información consulta no: 981 758545 – 625 890 691

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFABER