Noticias 

Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente de FAGAL, participou na inauguación do servizo de transporte adaptado de AFABER

Este novo servizo servirá para levar a cabo os traslados das persoas que acoden diariamente ao centro de AFABER, de forma que se mellorará a calidade de vida das persoas con demencia

 

02/03/2020 | Carballo

O presidente da Federación Alzhéimer Galicia, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, asistiu o pasado sábado 29 de febreiro á presentación do servizo de transporte adaptado da Asociación de Familiares do Alzhéimer de Bergantiños (AFABER). Na inauguración deste servizo, que comezará a funcionar no mes de marzo, estiveron presentes Jesús Villar Antelo, presidente de AFABER e Maica Ures, concelleira de Benestar e Igualdade do Concello de Carballo, ademais de persoas socias da asociación, familiares e persoas usuarias das actividades.

Grazas a este novo servizo de transporte adaptado, levaranse a cabo os traslados das persoas que o soliciten e que acoden diariamente ó centro de AFABER. Deste xeito, búscase mellorar a calidade de vida das persoas con demencia, facilitando o acceso a tratamentos e a terapias non farmacolóxicas ó mesmo tempo que se ofrece un tempo de respiro para as persoas coidadoras e familiares.

A entidade de Bergantiños puido adquirir o transporte adaptado coa colaboración da Xunta de Galicia e da Federación Alzhéimer Galicia: a subvención concedida pola Consellería de Política Social con carga á convocatoria IRPF e xestionada por FAGAL financiou un 45% do total da compra.

As persoas interesadas neste servizo e nas actividades de AFABER poden informarse na rúa Camelias, 2 – baixo (en horario de 10:00 a 13:00 e de 16:00h. a 20:00h), nos teléfonos de costume (981 758 545 ou 625 980 691) e a través do correo electrónico afaber@xestion.net.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFABER