Noticias 

Preto de oitenta persoas participaron na andaina organizada por AFAGA

A actividade, que se enmarca dentro do proxecto “A Memoria no Bo Camiño”, contou tamén cun taller de estimulación cognitiva e funcional para as persoas con demencia

 

19/02/2020 | Porriño

A andaina organizada por AFAGA Alzheimer, que se levou a cabo o pasado 15 de febreiro entre os municipios de Porriño e Mos, reuníu a preto de 80 persoas entre as que se atopaban usuarios da asociación, familiares, traballadores e voluntarios.

Esta actividade partiu do Concello do Porriño, onde os recibiu o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, encargado de entregarlle unha placa de agradecemento ao concelleiro de Benestar Social do municipio, David Alonso. Ademais, na andaina tamén participou Sara Cebreiro, concelleira de Política Social do Concello de Mos.  

Foi unha xornada de lecer para as persoas coidadoras, na que ademais da andaina tamén realizaron unha visita polo patrimonio paisaxístico e natural do Camiño Portugués ao seu paso por Mos.

Finalizou cunha visita a Iglexa de Santa Eulalia e un percorrido polo Pazo de Mos, onde Juan Carlos Rodríguez entregou unha placa de agradecemento a Sara Cebreiro, en nome do Concello de Mos, pola súa implicación e compromiso coas persoas con alzhéimer e as súas familias.

Mentres se desenvolvía a andaina, as persoas con demencia participaron dun taller de estimulación cognitiva e funcional na biblioteca deste Pazo.

Esta actividade sitúase dentro do proxecto “A Memoria no Bo Camiño”, cofinanciado pola Xunta de Galicia dentro do pro­grama “O teu Xacobeo”.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAGA