FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

#alzheimerHOXE para reclamar a urxente atención das demencias en Galicia

A Federación Alzhéimer Galicia conmemora o Día Mundial do Alzhéimer apostando pola prevención como eixo fundamental para mellorar a calidade de vida futura das persoas con alzhéimer

21/09/2021

O 21 de setembro conmemórase o Día Mundial do Alzhéimer. Esta data é fundamental para que entidades, como a Federación Alzhéimer Galicia, reivindiquen maior atención e maiores recursos para unha enfermidade que afecta en Galicia a preto de 70.000 persoas.

Concretamente este ano a atención céntrase na prevención como eixo fundamental para mellorar a calidade de vida futura das persoas con alzhéimer. En palabras da presidenta de FAGAL, Isabel Gey: “a prevención é a ferramenta coa que contamos para que a calidade de vida destas persoas sexa a mellor durante o maior tempo posible.”  E continúa incidindo en que “Calidade de vida é que as persoas con demencia teñan servizos especializados de proximidade e poidan permanecer nas súas casa o maior tempo posible. Porque é ahí onde queren envellecer”. Para isto é fundamental investir en prevención, poñer en valor as terapias non farmacolóxicas, as cales teñen demostrado a súa eficacia, porque soamente así conseguiremos ter un diagnóstico temperá e poder atender pronto a enfermidade.

Por este motivo, o lema da campaña que a Federación Alzhéimer Galicia  puxo en marcha este ano é ‘Alzhéimer HOXE, mañá será tarde’ o que lle acompañan diversas actividades co fin de visibilizar e sensibilizar a cerca desta realidade. Entre elas a publicación dun manifesto no que a Federación e as 15 asociacións de alzhéimer de Galicia recollen dez reclamacións de urxente atención ás demencias. Nas que se destaca dar prioridade ao alzhéimer no sistema sanitario, recoñecer os tratamentos non farmacolóxicos no sistema público de saúde, a creación de  estudos epidemiolóxicos e maior apoio político, institucional e económico na labor que desempeñan as asociacións, entre outros.

Arquivada en: