FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

As directivas das asociacións da Federación Alzhéimer Galicia manteñen unha reunión para avaliar o impacto da crise sanitaria do COVID-19

Onte tivo lugar a primeira reunión telemática de membros de xuntas directivas das asociacións de familiares de persoas con alzhéimer de Galicia para tratar o impacto da crise sanitaria do coronavirus nas familias e na organización do traballo

29/04/2020

Na reunión, coordinada pola Federación Alzhéimer Galicia, as persoas asistentes fixeron unha rolda de posta en común dos traballos que se están a realizar en cada asociación, coincidindo todas na súa preocupación polo efecto que o confinamiento por mor do COVID-19 está a ter nas persoas cunha demencia neurodexenerativa  e nas persoas coidadoras.

O seguimento que se está a realizar dende cada unha das asociacións está mostrando o empeoramento xeral das persoas afectadas por una demencia que tras tantos días no domicilio mostran alteracións condutuais e un empeoramento do seu estado cognitivo e físico. Pola banda das persoas coidadoras detéctanse niveis de sobrecarga moi elevados con consecuencias físicas e psicolóxicas.

Neste sentido púxose en valor a importancia dos programas de axuda a domicilio e de estimulación a domicilio, que se verán como fundamentais no proceso de desescalada do desconfinamento.

O presidente da Federación informou de que se está traballando para que nos vindeiros meses a atención ó colectivo sexa prioritario no sistema sociosanitario e evitar un empeoramento xeral das persoas afectadas e as súas familias. Así mesmo a federación traballará en idear novos modelos de atención para garantir a mellor atención posible cumprindo con todas as medidas de protección sanitarias.

Estas reunións manterán un carácter periódico para fomentar a comunicación e coordinación entre o movemento asociativo.

Arquivada en: