FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

FAGAL da comezo á campaña polo día mundial do alzhéimer baixo o lema “Os sentidos da memoria”

Unha busca xunto ó Grupo NOVE por evocar lembranzas a través da gastronomía do enxebre que se pode realizar grazas á colaboración de Caixabank, GADIS e Aceites Abril
 

23/05/2024 | Galicia

Os sentidos da memoria é un proxecto que xunta ás persoas usuarias das quince asociacións membro da Federación, con estadio leve-moderado da enfermidade, cos chefs de alta cociña do Grupo Nove.
Estes encontros axudan a divulgar a cultura galega a través das actividades gastronómicas, facer partícipe á sociedade galega acerca da enfermidade de Alzhéimer e sobre todo, crear espazos de inclusión e interacción coa sociedade máis achegada.
 
Como resultado da campaña, por un lado, editarase un receitario solidario de todos estes encontros na cociña, dando protagonismo ás persoas con alzhéimer e outras demencias e as receitas que foron escollendo. Por outro lado, unha reportaxe documental que amose o traballo realizado por todas estas persoas co propósito de dar visibilidade ás actividades que se realizan nas asociacións.
 
Como colofón final, no mes mundial do Alzhéimer, en setembro de 2024, e co fin de conmemorar o 21 de setembro, todas as asociacións de persoas con demencia de Galicia reuniranse en Santiago de Compostela para presentar o receitario elaborado, así como para poñer en valor o traballo das asociacións membro e a importancia da inclusión social das persoas con demencia.
 
Este evento, estará aberto a todos os usuarios das asociacións membro, ás familias coidadoras, ós cociñeiros e empresas colaboradoras e a todas aquelas persoas interesadas en unirse á nosa causa.Para o proxecto, perséguese a inclusión social das persoas con demencia na súa contorna, polo que se fomentará a colaboración e a participación activa de entidades, empresas e comercio local que queira unirse á causa.
 
Por iso, CAIXABANK e GADIS son os nosos principais patrocinadores, axudando a dar visibilidade ao alzhéimer e outras demencias. A súa financiación permítenos que sexan posibles todos estes encontros, un viaxe por Galicia percorrendo a súa gastronomía e as lembranzas que as usuarias e usuarios van deixando en cada prato e en cada conversa cos cociñeiros. Un contacto fundamental para reivindicar a necesidade de romper cos estigmas e poder normalizar a enfermidade e as persoas que a padecen nunha sociedade máis comprometida.
 
Para saber máis visita nosa páxina do proxecto
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Inventario de recursos > > Federación Alzhéimer Galicia