Noticias
Benestar Social e Afapo impulsan obradoiros de memoria para maiores de 55 anos en centros sociais das parroquias de Pontevedra
Estes obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa e desenvolveranse en grupos cun máximo de 15 participantes
03/11/2022 | Pontevedra
Cos obxectivos de previr a deterioración neuronal, fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a concellería de Benestar Social e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (Afapo) impulsarán uns talleres de memoria nas parroquias de Pontevedra.
Estes obradoiros, que se desenvolverán en centros sociais traballando aspectos como a activación das funcións neuronais e funcionais a través de actividades como a estimulación cognitiva e física, a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia, as gnosias, as praxias e as funcións executivas.
A colaboración institucional foi anunciada esta mañá de xoves no marco dun encontro que o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, mantivo no centro terapéutico de Afapo (rúa da Curtidoira, 3, baixo) co seu presidente, José Manuel Fontenla, e outros membros da súa directiva, e no que o edil socialista tamén coñeceu a varios usuarios e a persoal da asociación. Rey subliñou "o importante papel que o envellecemento activo xoga á hora de afrontar a senectude e previr as enfermidades neurodexenerativas e a deterioración das capacidades psicofísicas nestas etapas".
Nos obradoiros levaranse a cabo distintas técnicas e traballos grupais que axudarán a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo. Antes de dar comezo aos talleres, a traballadora social de Afapo informará do proxecto a todas as persoas interesadas e unha psicóloga realizará unha valoración cognitivo-funcional para descartar a posibilidade dunha deterioración cognitiva sen diagnosticar a través de diversos test.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Inventario de recursos > > AFAPO