FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

As XVIII Xornadas Interdisciplinarias de FAGAL reuniron a máis de 180 persoas nunha exitosa edición

Tiveron lugar o pasado sábado a través da plataforma Zoom e centráronse no tratamento de demencias dentro da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 // Reuniron a representantes de entidades de alzhéimer de España, Portugal, Francia e Irlanda

20/10/2020 | Santiago de Compostela

As XVIII Xornadas Interdisciplinarias da Federación Alzhéimer Galicia, que tiveron lugar o pasado sábado 17 de outubro, reuniron a máis de 180 persoas a través de Zoom nunha exitosa e diferente edición que tivo que adaptarse á situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID. Precisamente, este foi o tema sobre o que xiraron os tres apartados do evento. 

A xornada comezou cunha breve presentación de Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente da Federación Alzhéimer Galicia, quen deu a benvida a todas as persoas asistentes e as relatoras. Na súa intervención, falou das dificultades que trouxo este 2020 ao sector sanitario e en como a pandemia cambiou a vida e a rutina das persoas con demencia. Destacou, non obstante, a rápida adaptación das quince asociacións pertencentes a FAGAL para ofertar recursos e alternativas ás súas persoas usuarias durante os últimos meses, facendo fincapé en que é momento de permanecer unidos e traballar conxuntamente a favor das persoas con demencia e as súas familias. 

O primeiro bloque contou coa participación internacional de entidades de alzhéimer que xa estiveran presentes en pasadas edición das xornadas de FAGAL, aportando nesta ocasión unha nova visión centrada na situación actual. Así, estiveron presentes Pat McLoughlin (director executivo de The Alzheimer Society of Ireland), Maria do Rosário Zincke (vogal de Associação Alzheimer Portugal), Cristopher Roy (en representación de France Alzheimer) e Cheles Cantabrana (presidenta da Confederación Española de Alzheimer). Ademais de expoñer a situación na que se atopa cada un dos países, todos os representantes amosaron as diversas medidas que levaron a cabo durante o confinamento: creación de grupos de apoio e realización de cursos online a familiares en Irlanda, aumento de liñas telefónicas de consultas en Portugal, liña radiofónica en Francia e creación de exercicios de actividades e apoio ás persoas coidadoras en España foron algunhas das opcións das que se falaron. Ademais, todos destacaron a importancia da volta á rutina e da reapertura dos centros terapéuticos e dos centros de día para que as persoas con demencia poidan recuperar as súas habilidades previas e poidan combater, deste xeito, o deterioro cognitivo que sufriron durante os últimos meses. 

O segundo bloque reuníu a Jorge Aboal Viña, Director Xeral de Asistencia Sanitaria e a Fernando González Abeijón, Director Xeral de Maiores e Discapacidade. Mentres que o primeiro se centrou en destacar o traballo da rede de atención primaria, que está facendo unha labor de diagnóstico e de localización de contactos coa finalidade de controlar a situación sanitaria, o segundo centrouse en explicar as medidas adoptadas nos últimos meses, destacando a importancia dos protocolos establecidos para o correcto funcionamento dos centros de día. 

Este bloque foi empregado tamén para recoller as reclamación da Federación Alzhéimer Galicia, onde se destacou a importancia de dar prioridade ás persoas con alzhéimer, a importancia de realizar un estudo epidemiolóxico para saber a incidencia real das demencias na comunidade ou o recoñecemento oficial das persoas coidadoras, entre outras. Houbo tempo tamén para falar da importancia da creación e da implementación dun Plan Transversal de Demencias na comunidade galega, unha necesidade que se fixo máis patente durante os últimos meses. 

Xa por último, puidéronse coñecer algúns dos traballos realizados polas asociacións galegas de Alzhéimer nos últimos meses. Deste xeito, AGADEA centrouse na labor de intervención individualizada que levaron a cabo durante o confinamento; AFAMO no papel da enfermaría a domicilio e, por último, AFAGA falou sobre a súa estratexia de comunicación en tempos de COVID-19. 

Durante a xornada, reuníronse máis de 180 persoas a través da plataforma Zoom, unha cifra que reúne tanto a persoas traballadoras da propia Federación Alzhéimer Galicia como persoas do ámbito sociosanitario interesadas nas diversas ponencias. 

Arquivada en: