FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

As empresas galegas xa poden destinar o 0,7% do Imposto de Sociedades para loitar contra a emerxencia social

'Empresa solidaria: empresa extraordinaria'. Con este lema, as organizacións do Terceiro Sector Gallego anímanse a marcar o cadro de 'Empresa Solidaria' no Imposto de Sociedades.

06/07/2021

As empresas de Galicia xa poden contribuír a proxectos realizados polas entidades de acción social galegas. A campaña "EmpreXas que marcan para marcar o cambio" está dirixida a informar e sensibilizar ás empresas para que marquen o recadro de Empresa Solidaria no Imposto de Sociedades, grazas ao cal poderán asignar, por terceiro ano consecutivo, o 0,7% do recadado a proxectos sociais.
 
O recadro Empresa Solidaria está presente no apartado “outros caracteres – fins sociais” do Imposto de Sociedades (recadro 00073 no modelo 200 ou recadro 069 no modelo 220). A súa  marcación é voluntaria e non supón ningún gasto adicional para a empresa, pero si lle axuda a xerar valor social e reputación e, ao mesmo tempo, as entidades sociais poderán destinar eses fondos ao desenvolvemento de proxectos que axudarán ás persoas máis vulnerables.

Emerxencia solidaria

A emerxencia sanitaria está a facer máis vulnerables ás persoas que xa o eran antes da pandemia. As ONG galegas realizan programas e servizos que necesitan da financiación que chega a través do 0,7% do IRPF e, agora tamén, do Imposto de Sociedades. Unha achega que ás persoas e empresas contribuíntes non lles supón ningún custo extra e que resulta imprescindible para moitas persoas en exclusión social ou pobreza.
 
Como dixeron na presentación da campaña da X Solidaria os representantes das tres plataformas galegas de organizacións de acción social  EAPN, CERMI e Plataforma de Infancia): "as profesionais e voluntarias de moitas ONG prestan un servizo esencial na loita contra a COVID-19 e seguirán facéndoo canto termine a pandemia, apoiando ás persoas máis vulnerables e defendendo os seus dereitos".
 
Coa marcación voluntaria do cadro de “Empresa solidaria”, as compañías estarán a poñer en práctica a súa Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e contribuíndo á execución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030 coa procura de alianzas e novos escenarios de colaboración co Terceiro Sector.

Arquivada en:
Inventario de recursos > > Federación Alzhéimer Galicia